Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 01 octubre 2022
20:17
h

Comenzan as actividades de visibilización da cultura galega en Bruxelas

As actividades da misión comezan este martes ás 18:00h // Mércores e xoves acudirán ao Parlamento Europeo

    Unha delegación formada por 65 persoas pertencentes ao sector cultural galego chegan hoxe a Bruxelas para visibilizar a situación da cultura galega e denunciar que, “por ignorancia ou desinterese” das diferentes institucións, a nosa cultura está sendo “agredida” ao igual que “está sendo agredida a idea dunha Europa dos pobos, xusta e solidaria”. Así van explicarllo ás representantes da Comisión Europea, que recibirán o mércores á delegación galega dentro do Parlamento Europeo, no marco dunhas xornadas de exposición e debate organizadas pola eurodeputada Lídia Senra, representante de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

    Antes da programación no Parlamento Europeo, que se desenvolverá o mércores o xoves, as actividades dentro desta misión a Bruxelas comezan xa este martes pola tarde, cunha gala de benvida no Centro Galego de Bruxelas La Tentation (Rue de Laekin, 28, Bruxelas), no que baixo o título “Europa, capital Galiza”, a partir das 18:00 horas, se sucederán diferentes presentacións e actuacións artísticas galegas, nun evento aberto ao público que desexe asistir e sen entrada de pago. A gala, presentada polo xornalista Camilo Franco, contará cunha intervención inicial da propia Lídia Senra, para despois dar paso á proxección do documental “Porta para o exterior”, coa presenza dos seus directores, José Ramom Pichel e Sabela Fernández; e acto seguido, un recital literario no que intervirán Chus Pato, Oriana Méndez, Teresa Moure, Xabier Xil, Xavier Queipo e Xabier Cordal, acompañados por Abe Rábade ao piano. A partir das 20:00 horas, a cantante galega Uxía subirá ao escenario, acompañada por Sergio Tannus, Sani Cribeiro, Isaac Palacín e algunha sorpresa máis. O espectáculo de Ruth Balbís de danza con DJ “Give it a spin”, da compañía Pisando Ovos, pechará o evento a partir das 21:30 horas.

    Xa o mércores iniciaranse as xornadas de debate e reivindicación sobre a cultura galega no Parlamento Europeo, que se prolongarán durante todo ese día e até o xoves ao mediodía. En diferentes mesas nas que se abordará a situación que atravesa a creación e distribución cultural galega, os dereitos da cidadanía a acceder á cultura e o dereito das e dos traballadores a vivir disto, a produción en lingua galega, a cultura de base, o patrimonio cultural, e tamén haberá tempo para intercambiar impresións con persoas de experiencias culturais doutras nacións sen Estado como son o País Vasco ou Irlanda.

    O grupo de AGEe, en estreita colaboración con persoas do sector cultural galego, leva tempo traballando na organización desta viaxe a Bruxelas e ao Parlamento Europeo. En palabras da eurodeputada Lídia Senra, “a cultura galega está sendo actualmente sometida a un baleirado económico e está sendo desprezada por parte de poderes neoliberais que en lugar de apostar por ela e de apoiar a riqueza cultural dunha nación como Galiza parecen estar máis polo seu afogamento e pola uniformidade”. Neste sentido, a europarlamentaria critica que o Goberno da Xunta teña reducido nos últimos catro anos un 44% os seus orzamentos destinados a cultura e reclama que se protexa o patrimonio cultural galego, así como que se garanta que as traballadoras e traballadores do sector cultural galego poidan ter unha vida digna, para acabar con situacións como que o 60% dos actores e actrices da Galiza e o 89% de bailaríns viven por debaixo do umbral da pobreza. Lídia Senra agarda que a misión desta semana en Bruxelas sirva para facer visible a alarmante situación na que se atopa a cultura galega, estudar posibles iniciativas de defensa a levar a cabo a partir de agora e que na UE coñezan de primeira man a realidade.

    A delegación que este martes partirá cara a Bruxelas estará formada por persoas dos diferentes eidos da cultura galega. Ademais das persoas xa mencionadas, haberá representantes da Asociación Músicos ao Vivo; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Carlos Ares; Luís Avilés e César Souto, os directores do documental galego nominado aos Premios Goya 2017 “Os días afogados”; membros da Asociación Galega de Editoras; persoas do ámbito teatral como o membro da directiva de Escena Galega, Borja Salcedo, ou o dramaturgo e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Roberto Pascual; representantes do circo, como Belem Brandido; creadores de videoarte e pintura como Alberto Ardid ou o colectivo Fiinda; membros de asociacións culturais como Senunpeso e Papaventos de Vedra, Xermolos de Guitiriz, de diferentes colectivos de Muimenta, da Chave das Noces de Castroverde; da Fundación Uxío Novoneyra, directivos da Sociedade Antropolóxica Galega e de Mariña Patrimonio e SOS Arte Rupestre Galega; así como xestores e críticos culturais e as deputadas de En Marea no Congreso do Estado español, Alexandra Fernández, e no Parlamento Galego, Ánxeles Cuña e Luca Chao.

    06 dic 2016 / 11:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito