Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O comercio como unha oportunidade de negocio

A Federación Galega de Comercio asesora a todos aqueles que queiran iniciarse na actividade comercial

É indubidable a importancia da creación de empresas para a xeración de emprego e o crecemento económico. Así o recoñecen as distintas administracións públicas que, nas súas respectivas competencias, poñen en marcha diversos mecanismos de apoio ó emprendedor. Os datos apuntan cara a un crecemento da taxa de actividade emprendedora, sendo a porcentaxe de homes que emprenden do 56,2 % fronte ó de mulleres, do 43,8 %.

Emprender plantéxase como unha saída para moitos traballadores por conta allea que perderon os seus empregos como consecuencia da crise económica, pero tamén para moitos mozos que queren levar a cabo a súa propia idea de negocio.

O comercio galego veu desaparecer un bo número de establecementos durante a crise económica, pero tamén é certo que ó mesmo tempo veu nacer outros que renovaron a paisaxe e a oferta comercial das vilas e cidades galegas.

O emprendemento é de gran importancia e ten que ser apoiado. De ahí, que dende as distintas organizacións, como a Federación Galega de Comercio, se reclamen continuamente medidas para a eliminación de trabas, a axilización de aperturas e a reducción de custos e cargas.

En gran medida estas demandas recóllense en distintos plans que facilitan a creación de empresas comerciais a través da reducción de cargas administrativas, a posta a disposición dos emprendedores de información útil para o inicio e desenvolvemento da actividade, así como axudas para o apoio do emprendemento en TIC e economía dixital.

Do mesmo xeito, nos últimos tempos trabállase no impulso do emprendemento feminino e as pemes promovidas no ámbito rural.

Dende a Federación Galega de Comercio, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria a través da súa Dirección Xeral de Comercio, asesórase a todos aqueles que queiran iniciarse na actividade comercial.

Os emprendedores que o desexen poden recibir asesoramento e orientación sobre o proceso de elaboración do seu plan de empresa, así como sobre outras cuestións e dúbidas habituais no proceso de creación dunha empresa. Unha das máis frecuentes é a relativa a axudas e subvencións que pode recibir un proxecto empresarial.

COMERCIOS EMERXENTES
A situación actual do sector comercial, cada vez máis condicionada polas novas tecnoloxías e os xigantes do comercio electrónico, está obrigando a buscar ideas de negocio innovadoras que pretenden facer do acto de compra unha experiencia e ofrecer algo que só no establecemento físico se pode obter.

Non hai fórmulas para que unha tenda teña éxito, pero un dos factores determinantes é a diferenciación, por esa razón moitos emprendedores apostan pola especialización á hora de abrir o seu propio comercio. De ahí, por exemplo, as tendas que venden un só tipo de produto pero en toda a súa variedade: especias, zapatillas deportivas, produtos para festas, golosinas, perfumes, etc.

Tamén está a haber un ‘boom’ de comercios de produtos tecnolóxicos e tamén dos ecolóxicos, ben sexan alimentos, cosméticos, roupa, etc. Do mesmo xeito vemos a procura de crear experiencias nos clientes, aportando ó acto de compra un valor engadido. Por exemplo, librarías que realizan actuacións de contacontos ou talleres ou que disponen dunha zona de cafetaría; tendas deportivas que organizan actividades deportivas; establecementos de alimentación que ofertan cursos de cociña, etc.

Outro factor a ter en conta é a estética dos locais. Proliferan os comercios “con encanto”, que coidan moito a decoración, os olores, o empaquetado dos produtos; crear sensacións agradables e experiencias nos consumidores, facendo que o recordo do lugar permaneza máis aló da visita ó establecemento.

Esta tendencia afecta a tódolos sectores, pero se está a notar especialmente en panaderías, pastelerías, librarías, tendas de roupa ou complementos, entre outros.

12 oct 2017 / 22:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito