Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O CONCELLO CONTARÁ NO ANO 2020 CUN ORZAMENTO DE 5.631.089 EUROS, QUE DESTINA 1,5 MILLÓNS A INVESTIMENTOS

O presuposto reserva 672.000 euros para Servizos Sociais, 431.600 para Educación, 423.000 para Cultura e 358.000 para fomento do emprego // O goberno reclamou aos concelleiros socialistas que denunciaron as Comisións de Coordinación que reembolsen ao Concello os cartos dos gastos xudiciais

O Pleno aprobou onte incialmente, só cos votos favorables do grupo de goberno, os orzamentos municipais para o exercicio 2020, que ascenden a 5.631.089 euros, o que representa un incremento dun 3’3% con respecto aos deste ano 2019.

O concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, indicou que “estes presupostos queren seguir mellorando o benestar dos veciños de Valga”. O anexo de investimentos ascende a 1’5 millóns, con partidas como 230.000 euros para proxectos de aforro enerxético, 175.000 para mellora de instalacións deportivas, 250.000 para obras e melloras en instalacións municipais coma o Edificio Administrativo, o Auditorio e a Casa Consistorial. Tamén se prevé investir 120.000 euros en abastecemento de augas e 50.000 en actuacións de carácter patrimonial.

O presuposto destina 672.000 euros a Servizos Sociais e Igualdade, o que representa unha media de 112 euros por habitante. Desta cantidade total, 300.000 euros resérvanse para o servizo de axuda a domicilio, costearase o funcionamento do CODI con 135.000 euros aportados pola Xunta de Galicia, destínanse 61.000 euros ao Centro de Información á Muller (CIM) e tamén se financiarán as actividade do Plan de Prevención das Drogodependencias.

Ao fomento do emprego o Concello destinará en 2020 un total de 358.000 euros. Algunhas das medidas que se contemplan son as subvencións á contratación de parados do municipio e a contratación de bolseiros. O concelleiro Souto destacou que nos últimos catro anos, entre outubro de 2015 e outubro de 2019, o número de parados en Valga baixou de 554 a 336.

O apartado de Cultura conta con partidas por valor de 423.000 euros e o de Educación, 431.600. O concelleiro delegado de Facenda destacou, nestes ámbitos, os 160.000 euros para a xestión da Escola de Música, melloras nos equipamentos do Centro de Interpretación da Caña, no Museo e noutros recintos culturais, 198.000 euros para a Escola Infantil Municipal, 50.000 para financiar as actividades de conciliación e reforzo educativo e 33.000 para as axudas para transporte e adquisición de material escolar.

Estes orzamentos contan co informe favorable do departamento de Intervención, que destaca que se cumpre “co obxectivo de estabilidade presupostaria”, “non se contempla endebedamento financieiro e cúmprese co nivel de débeda”.

Elección de xuíz de paz

No Pleno ordinario de onte tamén se procedeu ao nomeamento de Araceli Gómez Sánchez como xuíza de paz titular e Mari Cruz Eiras Isorna como suplente, un punto no que o grupo de goberno votou a favor, o grupo socialista en contra e En Marea abstívose. Tamén se aceptaron por unanimidade as cesións ao Concello dunha serie de documentos relativos á “Casa da Palma” para a súa exposición no Museo e dun terreo denominado “Eira de Arriba” nos Martores.

Por último, foi aprobada a solicitude de reintegro de gastos xudiciais realizada polos concelleiros do goberno municipal denunciados no seu día pola oposición polas Comisións de Coordinación, tendo en conta que os xulgados arquivaron definitivamente a citada denuncia. Tamén en relación con esta cuestión, foi aprobada –cos votos a favor do grupo de goberno, en contra do PSOE e abstención de En Marea– unha moción solicitando que sexan os concelleiros socialistas denunciantes os que reembolsen estas cantidades ás arcas municipais. “O Concello non ten por que asumir estes gastos. Denunciaron e seguiron presentado recursos a sabendas de que todo estaba dentro da legalidade”, remarca o alcalde, José María Bello Maneiro

Na sesión, que coincidiu co Día Internacional contra a violencia de xénero, gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas.

03 dic 2019 / 23:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito