Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 07 febrero 2023
00:59
h
actuación

Conclúe a restauración das reixas do Mosteiro de San Paio de Antealtares

O orzamento global dos traballos, nos que interviron ferreiros, canteiros, carpinteiros e restauradores, ascendeu a 34.999,25 euros

O Consorcio de Santiago promoveu a restauración das reixas de varias ventás do Mosteiro de San Paio de Antealtares. Trátase en concreto de sete ventás da torre sueste, coñecida como a “torre da Borriquita” por estar enriba do popular retablo pétreo. Os traballos, dirixidos polo arquitecto compostelán Iago Seara e adxudicados á empresa DICSA, estiveron coordinados pola Oficina Técnica do Consorcio. No seu desenvolvemento participaron ferreiros, canteiros, carpinteiros e restauradores. O orzamento global desta intervención ascendeu a 34.999,25 euros.

Dende o Consorcio sinalan que a torre, ao ser un dos elementos máis sobresaíntes do mosteiro e ao estar situada na parte sur, a máis batida polo vento, está máis exposta ás condicións ambientais e, en consecuencia, a posibles alteracións. Antes da intervención fíxose, de acordo cos servizos de protección do Patrimonio da Xunta de Galicia, unha primeira reixa de proba, o que permitiu establecer o protocolo xeral de actuación no enreixado. A partir desta experiencia realizouse a restauración destas sete reixas.

No transcurso dos traballos descubríronse sinais de sucesivas restauracións anteriores. Así, empregáranse cravos de ferro e morteiros de cemento inadecuados, xunto con resinas de poliéster mal aplicadas.

Antes da restauración as reixas presentaban problemas de oxidación debido ao efecto da humidade. Ademais, o aumento de volume que produce a oxidación, xunto coa disposición das garras de ancoraxe, rompeu as pedras nas que van encaixadas as reixas. As barras non estaban debidamente enchumbadas na pedra, polo que, unha vez retiradas as mesmas, observouse oxidación mesmo nas garras de suxeición introducidas no interior dos buratos na pedra.

O traballo no taller de forxa

Numeráronse cada unha das reixas e das barras para poder reconstruílas. Unha vez desmontadas leváronse ao taller de forxa para acometer a súa restauración. Alí enderezáronse todas as barras, repúxose o material que faltaba e soldouse naqueles puntos onde foi necesario, forxando de novo as soldaduras. O proceso remata co pavonado, unha técnica que consiste en aplicar un aceite mineral que se queima na forxa, aportando carbono, o que fai que a oxidación futura sexa de tipo protector.

Reutilizouse pedra do propio mosteiro

Por outro lado, levouse a cabo a eliminación de residuos no interior dos buratos nos que van ancladas as barras das reixas. E restauráronse as pedras danadas e lesionadas pola oxidación da forxa e polos diferentes movementos das reixas. Por último, repuxéronse as pezas ou fragmentos de granito naquelas áreas onde había grandes perdas de material. Para iso reutilizouse pedra que se conserva do propio mosteiro.

Unha vez reposta a cantería, as reixas colocáronse no seu lugar de orixe, uníndose con chumbo fundido aos ocos da pedra. Logo recubríronse cun verniz a base de aceite, a xeito de protección. Este tratamento protexe a superficie do ferro, como reforzo do pavonado realizado na forxa.

16 ene 2014 / 11:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito