Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 06 agosto 2022
01:30
h

Conde presentou "Homes de ferro" no Pazo da Peregrina

A nova novela do escritor alaricano relata unha historia real: a viaxe emprendida en 2014 por un grupo de amigos irlandeses que constrúen un bote para facer o Camiño a remo // De Ezaro Edicións, xa está a venda nas librarías

O escritor e colaborador de EL CORREO GALLEGO, Alfredo Conde presentou onte no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, no municipio de Ames, a súa última novela, Homes de Ferro, publicada por Ézaro Ediciones e que ten como referencia a aventura vivida por catro amigos irlandeses ao bordo do Naomh Gobnait, o bote recontruído a iniciativa de Buxa, a Asociación Galega do Patrimonio Industrial, xa convertido no emblema do Camiño por mar.

O acto de presentación do novo libro de Conde contou coa participación do alcalde de Ames, José Manuel Miñones; a concelleira de Cultura, Natividade González, e o profesor e tradutor, Xosé Antonio López. Esta iniciativa forma parte do programa O teu Xacobeo, impulsado pola Xunta de Galicia.

A novela do escritor natural de Allariz (Ourense) e residente no concello coruñés de Brión, Homes de Ferro, relata a viaxe emprendida no ano 2014 por un grupo de amigos irlandeses que decidían contruír un bote no que emprender o Camiño Xacobeo a remo dende Dublín ata Santiago de Compostela. Unha travesía que suporía un percorrido de 2.500 quilómetros por mar, que fixeron de forma espaciada ao longo de tres anos.

Na presentación o autor, Alfredo Conde quixo deixar claro que "pese a que os nomes que aparecen en Homes de ferro son reais e corresponden a seres reais, non se trata dunha crónica xornalística e non pretende suplir literariamente a un documental".

Para o autor alaricano "trátase dunha novela construída a partir dunha realidade na que a maioría dos feitos son certos pero non o que pensa cada unha das personaxes que xa é a expresion da miña liberdade como novelista á hora de imaxinar os seus pensamentos e reacción".

Ademais da edición en galego, Homes de ferro editarase tamén en inglés e xa está dispoñible nas librarías en castelán.


NARRACIÓN O relato no que se basea o traballo de Conde transpórtanos ao ano 2014, cando catro amigos irlandeses deciden construír un bote co que emprender o Camiño Xacobeo a remo dende Dublín a Santiago de Compostela. A viaxe compúñase de 2.500 quilómetros por mar, desembarque no porto da Coruña e, dende alí, continuar a peregrinación por terra ata Santiago. Faríase de forma espaciada en tres anos, a razón de seis semanas de navegación por ano.

A construción do currach ou naomhóg -así se denomina a embarcación- non foi doada. Despois de traballar nela durante varios meses, os catro remeiros puideron comezar as probas de navegación e os seus propios adestramentos para a travesía. En medio dunha grande expectación mediática, a aventura concluía con éxito en 2016 cando Danny Sheehy, impulsor do proxecto, tivo a honra de ler a invocación ao Apóstolo Santiago en irlandés na Catedral de Santiago. Cumpríanse 800 anos da primeira peregrinación irlandesa. Un ano máis tarde, os catro amigos decidían facer unha ruta pola costa galega que acabou cun fatídico accidente en Caminha levándose por diante a vida de Danny e a embarcación.

Grazas á iniciativa posta en marcha por Buxa, a Asociación Galega de Patrimonio Industrial, o bote foi reconstruído polos propios remeiros participantes na aventura no marco da exposición Camiño por Mar convertíndose en emblema do Camiño de Santiago por mar e epicentro dunha serie de actividades que rememoran a tradición do camiño por mar, a navegación así como as históricas relacións galaico-irlandesas.


O AUTOR Nado no seo dunha familia galeguista de clase media, Alfredo Conde Cis (Allariz-1945) estudou Náutica na Escuela Superior de Náutica de La Coruña e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. Traballou como marino e tamén como profesor de Historia nun colexio privado. Foi deputado no Parlamento de Galicia como independiente no grupo do PSdeG (1981-1993) e conselleiro de Cultura con Fernando González Laxe (1987-1990). Ademais, foi o primeiro vicepresidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o primeiro presidente do PEN Club de Galicia (1990-1991) .

Na súa longa traxectoria obtivo moitos premios, como o Nadal; o Nacional de Literatura; o Grinzane Cavour; o Julio Camba de xornalismo; o Fernández Latorre de xornalismo; o Nacional da Crítica; o Premio Crítica Galicia; o Blanco Amor de Novela; o Chiton de Novela e o Guimaraes de Cuentos. Tamén obtivo a Medalla Castelao en 2016.

Da súa narrativa destacan Mementos de vivos (1974), Contu- bernio catro de Tome S. (1978), Come e bebe que o barco é do amo (1978), Breixo (1981), Memoria de noa (1982), e El grifón, 1986. Coa súa primeira novela en castelán, Los otros días, obtivo o premio Nadal de 1991.

05 mar 2020 / 21:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito