Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Confinados na casa: un xiro de 180 graos nas vidas da xente

Seis familias galegas abren as portas do seu fogar para contar como están levando a corentena // A unión é fundamental na convivencia

Os galegos resisten con forza aos primeiros trece días de illamento. Co paso lento das xornadas as familias fóronse concienciando do que lles ía vir por diante nos próximos días. Ante o estado de preocupación e aburrimento, moitos xa comezaron a desenvolver diversas propostas nos seus fogares co obxectivo de facer un pouco máis levadeira a situación que toca sobrelevar.

Algúns teñen a sorte de vivir nunha casa e contar cun espazo verde ao redor para o seu disfrute. En cambio, outros deben permanecer os días encerrados en escasos metros cadrados, vendo a luz do día a través das fiestras ou balcóns dos pisos.

Por outra banda, o ambiente tamén é diferente se hai nenos na casa. Os pequenos soen ser a alma esperanzadora dos fogares. Isto pódese ver reflexado nos múltiples debuxos e pancartas que aparecen a diario nos balcóns das vivendas. Son os nenas e nenas os que a diario animan aos pais e mandan mensaxes de ánimo a todos aqueles que botan de menos.

Algunhas familias consideran que o illamento rematará relativamente pronto, pola contra, os máis pesimistas pensan que isto aínda está por estallar e que teremos que esperar moitas semanas para poder facer vida normal.

No que todos coinciden é que unidos será máis fácil saír adiante. O desexo común das familias é que todo volva á normalidade; algo tan simple como poder abrir a porta da casa e alonxarse sen medo a ser contaxiado.

Estas son as testumuñas dalgunhas familias que decidiron contar a EL CORREO GALLEGO como están levando o confinamento nos seus fogares. Algún día todos eles levantaranse e poderán descubrir que os seus soños se fixeron realidade.

Familia Mirás do Pazo

"Fago videochamada cos meus pero non é o mesmo que telos cerca"

Noelia, de 27 anos, é a pequena da familia Mirás. Vive con seus pais e con súa avoa paterna. De momento están levando o illamento con tranquilidade "porque ao estar no rural a situación lévase doutra maneira", afirmou. A familia pode saír un pouco ao xardín e compartir momentos xuntos fóra da casa.

Os seus pais, Natalia e Carlos, teñen unha granxa de vacas de leite, polo que estas semanas seguen traballando. "Intentan ter as medidas de hixiene adecuadas", dixo Noelia.

Dende o luns pasado non saíu ninguén da casa. "Realmente non temos necesidade de saír e por aquí pasa o supermercado e o pescadeiro pola casa", dixo. A familia Mirás só ten a idea de saír a polo imprescindible "así evitamos andar en sitios onde haxa grandes aglomeracións de xente", comentou. Noelia é consciente de que se anticiparon ao contratempo. "Penso que nos tocará saír para a semana pero esta contamos de non facelo", mencionou con certeza.

Seus pais ao seguir co traballo non aprecian realmente o ter que estar en corentena. Noelia e a súa avoa, Fina, son as que notan máis cambios no seu día a día. A súa avoa pasa moito tempo na horta da casa. "Eu adícome a facer as tarefas da casa e continúo coa miña oposición para maestra, que xa era de preparación on-line", explicou. Ambas aproveitan para xogar ás cartas. "É a súa maneira de estar entretida", afirmou.

Noelia recorda cada día á familia e amigos, especialmente á súa parella. "Fago videochamada con todos pero non é o mesmo o contacto visual de telos cerca a non telos", declarou.

Fina ve a Televisión de Galicia a diario e "desta maneira si ou si estás vendo noticias de xeito constante". Por outra parte, Noelia soe leer o xornal. Sen embargo, "nos últimos días evito non leer moito porque isto estame creando medo, moito máis do que xa teño", concretou finalmente.

Familia Alcalde Iglesias

"Saio a polo pan ás oito e media da mañá para non coincidir con ninguén"

Os catro membros desta familia dubresa intentan levar o confinamento "o mellor posible", afirmou Cristina, a nai. "Pola mañá, os nenos levántanse e póñense coas tarefas do colexio e pola tarde facemos diferentes actividades", explicou. Vivir nunha casa é un privilexio nestes momentos "para poder facer calquera cousa ao aire libre", declarou. Deste xeito aproveitan o xardín para realizar múltiples actividades. "Xogamos ao fútbol cos pequenos, tendemos a roupa, cortamos a herba, saímos a fóra a xogar ao parchís...", detallou Cristina.

Dende o sábado 14, día no que se decretou o estado de alarma, Cristina só saiu un día para facer a compra. A día de hoxe sae a comprar o pan ás oito e media da mañá "para non coincidir con ninguén".

O seu marido, Alfredo, traballa nun taller de coches. Dende este luns só vai ao taller para facer arranxos de emerxencia. Alfredo ten en conta as medidas preventivas. "A roupa e calzado do traballo sácaos no garaxe, e ao entrar na casa dúchase e desinfecta todo o que estivo en contacto con el", explicou. O que máis extraña Cristina é a rutina diaria. "Aínda que estea agobiada eu prefíroo antes de ter que estar encerrada na casa", dixo con sinceridade.

Antón e Anxo, de 13 e 11 anos respectivamente, "xa empezan a decir que estaban mellor no colexio que desta maneira na casa", afirmou súa nai. Así mesmo, "os pequenos son conscientes das consecuencias que ten a enfermidade".

Familia Rodríguez Fernández

"Sirve para pasar un tempo entre nós... que non volverás a repetir"

Elena é propietaria dunha librería e de momento sigue traballando "pero seguramente reduza horas esta semana", contou a súa filla Irene. O pai ten un taller de coches. "Deixábanlle abrilo pero como a xente non pode saír da casa e apenas tiñan traballo, decidiu pechar", explicou. O taller está debaixo da casa "polo que aproveita para facer algunha cousiña pero sempre a porta pechada", afirmou súa filla.

Irene é a que máis tempo permanece na casa. "Se estou soa pois moito mellor porque se estou con meus pais acabamos discutindo", dixo rindo. Ela pasa o día preparando o traballo de fin de grao, ademais de leer libros e ver series.

Nos primeiros días de confinamento, o seu irmán maior decidiu mudarse a un piso de Santiago para estudar xa que "na casa distraíase moito". A familia non sabe o que pode durar a corentena, polo que son conscientes de que "igual pasamos máis de un mes sin velo", dixo con tristeza.

Estos días aproveitan para cociñar e limpar os tres xuntos. Tamén se divirten e pasan o tempo con xogos de mesa e películas. "Agora estamos pintando os techos dos baños xa que non hai moito que facer", contou.

Irene reflexionou nos últimos días que "o illamento sirve para pasar un tempo en familia que non volverás a pasar nunca máis a non ser que volva a haber outra pandemia coma esta".

Familia Landeira Noya

"Somos moi afortunados de vivir nunha casa e poder saír a fóra"

"En xeral podemos decir que o estamos levando bastante ben porque somos moi afortunados de vivir nunha casa e podemos saír a fóra", declarou Manolo, o pai da familia. A día de hoxe intentan seguir os hábitos como se fora un día laborable ou de escola. "O obxectivo é cumplir unha rutina", afirmou con certeza.

Antía, Diego e Anxo son os seus fillos. Os tres teñen os seus horarios para facer deberes e estudar, ademais de facer algo de exercicio. "Intentamos facer algunha actividade xuntos como poden ser os xogos de mesa ou partidas na play os cinco xuntos", explicou.

Manolo traballa nunha empresa proveedora da Fábrica PSA de Vigo. Cando é necesario vai á oficina é senón traballa dende a casa. Tanto no lugar de traballo como no momento de chegar á casa ten en conta as medidas de prevención. "Ao chegar á casa o calzado queda fóra, a roupa vai para a lavadora e despois desinfecto todo", dixo.

Lucía, a nai, igual que os tres nenos, permanece na casa dende o principio.

A familia fai unha compra por semana. "Ao ter que saír ao traballo xa aproveito para ir ao supermercado", relatou.

Os rapaces están animados. "Cada un ten a súa habitación e teñen espazo no xardín para realizar os adestramentos", dixo. Antía e Diego fan piragüismo. "Son privilexiados por ter onde adestrar", mencionou.

Familia Insua Calvelo

"Imaxina como está a situación que Juan fixo 10 km andando polo piso"

Rocío e Juan son os pais de dúas pequenas, Asia e Alma. A nai recoñece que "non están levando moi ben o confinamento". A familia está acostumada a saír e case non pasar horas no piso, xa que a maior parte do tempo están na casa dos pais de Rocío. "Ter que estar tanto tempo aquí fáisenos moi duro", dixo.

A familia convive cunha cadela chamada Nala. Juan ou Asia, a irmá maior, son os que a sacan de paseo. Rocío é unha persoa de risco e non pode saír a ningún sitio polo que "encárgase Juan de facer os recados necesarios", contou ela. A semana pasada Juan non foi a traballar pero "o luns tivo que ir á oficina para verificar unhas cousas", contou a súa muller.

As nenas están tendo unha rutina matinal, "intentamos seguir o horario do colexio", dixo a nai. Polas tardes, principalmente ven a televisión ou xogan á nintendo. Algún día tamén fan exercicios de zumba, algo que "terminaremos facendo diariamente porque a corentena vaise prolongar no tempo", comentou.

Co paso dos días todo se complica. "Imaxina como está a situación que o sábado Juan fixo 10 km andando polo piso", contou.

As nenas son conscientes de que teñen que estar na casa, "pero xa preguntan cando volverán á casa dos avós", concluíu.

Familia García García

"Estámolo a levar con tranquilidade pero de maneiras diferentes"

O confinamento na casa da familia de María estase levando con tranquilidade, pero "de maneiras diferentes". Tanto seus pais como ela están indo a traballar, en cambio a súa irmá permanece illada na casa.

Co paso dos días "temos a incertidumbre de poder infectarnos no traballo", contou María. A súa nai traballa de pinche de cociña no Hospital Clínico de Santiago e ademais é encargada de subir a comida a planta. "Vai encantada ao traballo porque o que quere facer é axudar", dixo. Ao ir todos os días á capital aproveita cando hai necesidade para facer as compras.

A nai ten moi en conta as medidas preventivas. "No meu caso teño que recoñecer que tamén pero non estou tan pendiente como está ela", mencionou.

Para combatir estos días tan longos, María e súa irmán fan unha hora de exercicio todos os días. A parte, os catro xogan habitualmente a xogos de mesa.

María está desexando que pase todo isto para poder estar cos amigos e coa familia.

O pai quere ver as noticias á hora de comer e cear. "Eu evito facelo porque me agobio máis", recoñeceu.

María cree que a xente non está concienciada. "Falando cunha amiga panadeira díxome que hai xente que vai á panadería varias veces no día", contou.

27 mar 2020 / 22:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito