Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
diagnóstico

El conselleiro ve "acomplexada" la cultura gallega

O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, detecta sobredoses de 'embigo' no sector cultural galego e receita unha "apertura" ao exterior para "romper cos tópicos" ·· O titular considera que o apoio económico da Administración ás industrias culturais non é "a única saída nin a máis axeitada"

"Ensimesmada e ás veces algo acomplexada". Así ve a cultura galega o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, quen onte participou na Coruña nunha conferencia coloquio organizada por Nueva Economía Forum. Durante a súa intervención, Varela realizou unha análise das políticas do Goberno galego en materia cultural e turística pero, sobre todo, explicitou a súa visión persoal da materia á que debe o seu mandato: a cultura galega. Varela detecta a necesidade de "abrir" Galicia ao exterior para "romper cos tópicos" que, ao seu xuízo, provocan ese complexo. Ese diagnóstico, o da sobredose de embigo, realizouno o titular autonómico no seo dunha sesión na que, pola contra, si incidiu na universalidade e na globalidade dun evento como o Ano Xacobeo 2010 ou no poder icónico da Cidade da Cultura, á que se referiu como "a catedral do século XXI que Galicia necesitaba". Produtos universais, en todo caso, dunha cultura "ensimesmada".

Ese pulo que Varela quere para as industrias culturais galegas non virá, malia todo, da man das subvencións, xa que, ao seu ver, non son "a única saída, nin a máis apropiada" para apoiar o sector desde a Administración. Amosouse máis partidario doutras canles como o "apoio indirecto" mediante beneficios fiscais.

Varela refiriuse no seu discurso á "inimizade" existente entre economía e cultura, e xustificou que o CGAC non compre este ano obra nova para incorporar á súa colección -como si vén facendo desde a súa constitución- pola existencia dunha débeda de 350.000 euros non satisfeita, en concepto de facturas non pagadas a galerías estranxeiras.

Aínda que puntualizou que a Cultura non é exclusivamente un ben mercantil, referiuse á situación das industrias culturais e á necesidade de promover un cambio económico sen poñer en cuestión os elementos esenciais da tradición cultural galega. Así, propuxo buscar "un equilibrio entre a lóxica do mercado e o respecto ós valores, tradicións e elementos identitarios" co obxectivo de producir cultura "consumible e atractiva".

A "receita" do Goberno galego para conseguir este reto baséase en fomentar o traballo cooperativo entre a xente da cultura, deseñar un proxecto estratéxico de promoción e difusión, así como en asentar a imaxe de marca Cultura Galega, un termo "amplo" co que pretende difundir "o acervo cultural de Galicia e da cultura que se produce en Galicia, sen exclusivismos".

 

PATRIMONIO O PARROTE, UN "TEMA" QUE HAI QUE "MIRAR"

Preguntado polas medidas para o apoio ó sector editorial, Roberto Varela Sinalou que o Goberno autonómico trata de incrementar os "baixos índices" de consumo de cultura para remediar o paradoxo de que Galicia teña un dos índices de produción de libros máis alto de España e un dos máis baixos índices de lectura. "Non é de recibo", sinalou.

Tamén neste acto, e a preguntas dos asistentes, Varela admitiu non ter constancia sobre a situación do aparcadoiro do Parrote, na Coruña, paralizado pola aparición duns restos arqueolóxicos e pendente dun informe da Dirección Xeral de Patrimonio para a súa continuidade. Así, recoñeceu que "descoñecía" que era competencia da súa Consellería e que non sabía como estaba "o tema", aínda que se comprometeu a "miralo". Xa pola tarde, a Consellería remitiu un comunicado no que sinalaba que "a Xunta de Galicia rexeitará calquera proxecto de construción que poida impedir a conservación in situ dos bens" .

O DATO

Lealdade ·· Varela descartou o seu ingreso como militante no PPdeG e dixo que nin o formula nin llo "pediron" desde a formación popular. Defendeu a súa "independencia" e a ela apelou para insistir en que nin se "molestou" en pensar no seu posible ingreso no PP. "A miña lealdade ao PP é absoluta, pero prefiro conservar a miña independencia, que forma parte da miña personalidade" concluíu .

19 ene 2010 / 23:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito