Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
TEATRO

O Consello da Cultura homenaxea a Vidal Bolaño cunha fermosa edición de 'Ruada das papas e o unto'

Fai máis visible a obra do autor máis identificado co teatro galego e imprescindible para entender o relato do noso país

    O Consello da Cultura Galega presentou este xoves na súa sede do pazo de Raxoi o libro titulado 'Ruada das papas e o unto', que inclúe esta obra de Roberto Vidal Bolaño en facsímile, con imaxes, moitos debuxos e correccións do propio autor. Tamén achega textos introdutorios de Camilo Franco e Inmaculada López Silva. Trátase dunha fermosa edición numerada, non venal, da que se imprimiron 500 exemplares, que vén a facer máis visible a obra de Vidal Bolaño este ano no que é homenaxeado Día das Letras. Na presentación participaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o director do Centro Dramático Galego, Manuel Guede; a viúva do autor, Belén Quintáns, e o profesor e escritor Manuel Quintáns, tamén sogro do homenaxeado.

    Na presentación, Ramón Villares destacou a profunda identificación de Roberto Vidal Bolaño co teatro galego, circunstancia que lle atribúe unha forte responsabilidade á súa obra, pero que tamén lle achega unha indubitable grandeza. Villares salientou como máxima contribución do autor o feito de liderar o tránsito do teatro galego popular cara ao teatro culto ou máis organizado. Este carácter popular da obra de Vidal Bolaño tamén foi comentado por Manuel Guede, que relatou como 'Ruada das papas e o unto' está enmarcada nunha fase na que o autor buscaba os espectadores, "e vai buscalos alí onde están, nas prazas e nas rúas". Por iso se aproveita dos lugares públicos da cidade de Compostela, xa que naqueles momentos non había redes de teatro.

    Para Guede, Roberto Vidal Bolaño era, fundamentalmente, un gran escritor de teatro, imprescindible para entender o relato do noso país e que, co paso do tempo, será referencia pola súa literatura dramática. Manuel Quintáns, profesor e escritor, que era sogro do autor homenaxeado nas Letras Galegas, expresou o seu desexo de que se institucionalice a súa representación teatral, de tal xeito que todos os anos se faga unha obra súa. Sería a mellor homenaxe porque partiría do propio teatro, da cultura e dos mesmos galegos, e garantiría a viveza e a actualidade da súa obra. 

    Belén Quintáns, viúva de Vidal Bolaño, pola súa parte, mostrouse moi feliz pola fermosa edición do libro presentado, e salientou que Vidal Bolaño tiñe especial querencia por este tipo de obras de carácter multidisciplinar, con referencias musicais, plásticas e, por suposto, literarias.

    02 may 2013 / 14:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito