Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Consorcio de Santiago inicia reforma da capela de San Roque, na Lavacolla

A estrutura de madeira que suxeita o teito do soportal está moi deformada e a cuberta ten moitas tellas rotas // Cun orzamento de 20.570 euros, as obras terán unha duración estimada de tres meses

A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago acaba de poñer en marcha os traballos de reforma do atrio ou soportal da capela de San Roque, situada na parroquia de Sabugueira, na Lavacolla. Cun orzamento de 20.570 euros, estímase que as obras terán unha duración de tres meses. A capela é de traza barroca, de finais do século XVIII, e está no traxecto do Camiño Francés.

O edificio consta de dous corpos: a nave, que é un prisma cuberto por dous faldróns de tellas, e máis o soportal. Este último é un pequeno espazo cuberto diante da entrada da ermida, para protección da choiva. Para a suxeizón do teito hai dúas columnas de pedra. E a cuberta ten unha estrutura de madeira moi lixeira que soporta o tellado.

Con este proxecto búscase a recuperación do soportal da capela, en particular no que respecta á estrutura de madeira que suxeita o teito, que é feble e atópase moi deformada. Aínda que o estado de conservación xeral do inmoble é bo, a cuberta ten necesidade de limpeza e presenta moitas tellas rotas. A pesar desta situación, non se producen pingueiras no interior do edificio debido á placa de fibrocemento que hai baixo as tellas. Por outro lado, faltan moitas tellas no aleiro.

O principal problema radica no tellado do atrio. Ten unha deformación moi grande que provocou a separación dos faldróns, de xeito que a auga de choiva entra pola cumieira e vai pudrindo pouco a pouco a estrutura. Esta anomalía apréciase dende o interior do soportal. Polo de agora non existe risco de derrubamento da cuberta, pero os técnicos consideran que non é bo deixar que a deformación evolucione e poida conlevar que a estrutura se veña abaixo.

30 oct 2013 / 13:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito