Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 28 noviembre 2022
02:51
h

O Consorcio de Santiago restaurará o monumento a San Francisco de Asís

Segundo explicou Ángel Currás, eliminarase a vexetación e realizarase unha limpeza integral co obxectivo de que a escultura, obra de Francisco Asorey, estea restaurada en 2013, cando se cumpren 800 anos da peregrinación de San Francisco a Santiago

    O alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Ángel Currás, a Comisión Executiva e o Consello de Administración deste organismo. Na reunión da Comisión aprobouse a restauración da escultura de San Francisco de Asís e intervencións noutros monumentos da cidade histórica.

    O Consorcio habilitou un orzamento de 2.299 euros para redactar o proxecto de restauración do monumento a San Francisco de Asís, na entrada do convento do mesmo nome. Segundo explicou Ángel Currás, eliminarase a vexetación e realizarase unha limpeza integral co obxectivo de que a escultura, obra de Francisco Asorey, estea restaurada en 2013, cando se cumpren 800 anos da peregrinación de San Francisco a Santiago.

    A Comisión Executiva tamén deu o visto bo a axudas relacionadas coa rehabilitación de elementos singulares de madeira en edificios do casco histórico por importe de 4.128 euros. Ademais, deuse conta de varios proxectos relacionados con monumentos da cidade histórica. Neste sentido, aprobouse un orzamento de 4.622 euros para realizar un traballo de documentación e difusión das pinturas murais que se están a restaurar na bóveda da igrexa de San Bieito do Campo. Tamén se aprobou unha partida de 6.582 euros para traballos de conservación e eliminación de humidades na Sala de Armas do Pazo de Xelmírez, no ámbito da Catedral de Santiago, e outra de 9.426 euros para a redacción do proxecto de actuación para o saneamento e eliminación de filtracións de auga na Capela do Santo Cristo, na igrexa de Conxo. Finalmente, ratificouse un orzamento de 6.655 euros para a realización dun estudo de avaliación da concentración de gas radón no edificio do Museo do Pobo Galego, no convento de San Domingos de Bonaval.

    Na sesión tamén se deu conta da participación do Consorcio de Santiago no Programa Europeo Effessus, para o estudo da eficiencia enerxética para a sustentabilidade dos centros históricos europeos. Por último, notificouse a sinatura dun convenio entre o Consorcio de Santiago, a Fundación Novacaixagalicia e a Sociedade Filharmónica de Vigo, polo cal a orquestra galega terá unha presenza estable na programación cultural de Vigo, coa organización de nove concertos no Teatro García Barbón.

    Consello de Administración
    Posteriormente, reuniuse o Consello de Administración, durante o cal se aprobou a Conta Xeral relativa ao exercicio 2011. Ademais, falouse da incorporación Museo da Peregrinacións e da Cidade de Santiago ao Ministerio de Cultura, que logo cederá a súa xestión á Xunta de Galicia. O Ministerio debe redactar o proxecto museolóxico para proceder logo á devandita cesión. A propósito deste Museo, xa recibiu máis de 21.000 visitas, segundo apuntou o alcalde.

    Ao finalizar o Consello, Ángel Currás quixo facer constar en acta o agradecemento do Consorcio a Xosé A. Sánchez Bugallo, quen foi presidente do ente durante 23 anos e vogal durante os últimos meses, e que, dende os próximos días, deixará o seu posto no Concello de Santiago para dedicarse ao seu labor de deputado autonómico.

    26 nov 2012 / 17:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito