Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Constitúese o novo grupo de traballo do Camiño de Santiago

Nava Castro asistiu en Madrid á primeira reunión // Pereira falou do Xacobeo en Xixón

    A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou en Madrid na primeira reunión do novo Grupo de Traballo dos Camiños de Santiago que nace a proposta da Xunta coa intención de planificar de xeito conxunto accións de promoción con vistas ao Xacobeo 2021 e no que, ademais de Galicia, participaron Asturias, Cantabria, Navarra, La Rioja, Aragón, Castilla y León, Extremadura e Canarias. Durante o encontro abordouse a proposta trasladada polo Goberno autonómico o pasado mes de xuño ao responsable de Turespaña en Italia para que a Oficina da Consellería de Turismo de España en Roma acolla diferentes accións de promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2021.

    Neste sentido, acordouse abrir esta posibilidade a distintas comunidades autónomas, asumindo así o proxecto impulsado desde Galicia. Tamén se analizou a posibilidade de traballar de xeito conxunto no desenvolvemento dunha estratexia dixital común que sirva para impulsar a promoción dos Camiños, tendo en conta o crecente peso do número de peregrinos estranxeiros e adaptándose ás necesidades actuais da peregrinación.

    Ademais, os membros do novo grupo de traballo decidiron que no Plan de Marketing 2020 de Turespaña, que inclúe a presenza das distintas comunidades autónomas nas feiras nacionais e internacionais, así como a organización de viaxes de prensa e familiarización, se faga especial fincapé en aspectos vinculados ao Camiño de Santiago nos distintos territorios.

    Por outra banda, a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, ofreceu onte un relatorio sobre o Xacobeo 21 na xornada Escena Norte Idea celebrada en Xixón no marco de Camino Escena Norte, un proxecto que promove a asociación Escenasturias coas súas asociacións colaboradoras no País Vasco (Eskena), Cantabria (Acepae) e Galicia (Escena Galega).

    Baixo o leitmotiv da reactivación das comunidades a través da cultura, Cecilia Pereira destacou que Galicia conta cunha Ruta Xacobea baseada en valores como a solidariedade, a concordia entre os pobos e o respecto á diversidade, que é preciso conservar e seguir poñendo en valor. Trátase tamén dun elemento vertebrador entre distintos territorios, xa que o Camiño Norte e o Camiño Primitivo pasan polo Principado de Asturias. A celebración do Xacobeo e toda a programación cultural adherida axudará a promover un itinerario cultural convertido tamén en motor da dinamización económica e turística nas localidades que atravesa.

    santiago@elcorreogallego.es

    www.elcorreogallego.es

    02 oct 2019 / 22:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito