Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 22 septiembre 2021
02:21
h
{ de profundis }

Construír pontes

    VAI XA PARA uns días que quedou aberta a nova ponte sobre a ría de Noia, tras uns anos de polémicas políticas que dilataron a súa finalización. Agora xa é unha realidade. Cóntanme que malia a súa lonxitude, non foi unha obra doada. En calquera caso, aí está. Un que segue a ter un algo de filólogo, lembra á súa vella profesora, Inés Villaverde, que nos explicaba que a etimoloxía do latín pons pontis tiña que ver con camiño pero tamén coa palabra grega pónos, que significa esforzo, traballo. Os traballos de Hércules, ao seu xeito, eran camiños para chegar a un final moi concreto. Quen queira, que se achegue ao mito.
    Vivimos no país das mil pontes, seica. Eu, con todo, teño cada vez máis a sensación de que alomenos no eido cultural, estamos a vivir en moitos sentidos no país dos mil territorios, de que cada vez asistimos a parcelación de máis Medulios, cando nos tempos que corren debería de ser xusto o contrario: non é tempo de voar pontes, senón de valorar o que por encima de todo nos dicía Inés o que eran en realidade: camiños, sobre todo, se ao redor como na antiga Roma, había brañas e lama e terreo pantanoso. As pontes están aí. Simplemente. Superemos os eidos concretos. Debería dar igual o nome da ponte se esa ponte pode verse como un camiño de unión, e sobre todo, hoxe por hoxe, coma unha posibilidade necesaria para recoñecer un concreto legado cultural. E máis para a cultura galega, que non está en condicións de quebrar máis vías, senón de abrir cantas máis mellor.
    A posibilidade esixe agora construir un novo 17 de maio dende o compromiso e a superación común, chámese como se chame o ano: Filgueira Valverde, e sexa o vindeiro para quen sexa: Xela Arias, Manuel María, Carballo Calero, igual que un día será para Carlos Casares ou para Darío Xohán Cabana ou Ferrín. De verdade importan tanto os nomes ou importa máis o seu legado? De verdade é o mellor aproveitar os nomes para minar pontes e voltar aos vellos Medulios? Temos algo maior que salvarmos. Hoxe máis ca en ningún outro momento, é tempo de aunar e construir as pontes maiores, como xa escribiu Álvaro Cunqueiro: Bran deitándose sobre o río/a cabezanunha ribeira, os pés noutra,/dixo: Quen é o deus que seña a ponte!/E así o pobo e o gando poideran pasar/dun país a outro/Deixaban o país onde anoitece polo país/onde amence.

    Profesor e tradutor

    29 jul 2014 / 19:17
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito