Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Literatura Infantil e Xuvenil

Contar "delectare docendo"

A descuberta dos afectos como superación da nugalla

Interesante achega de Bernardino Graña, cangués polifacético, que amosou desde que comezou a escribir unha fonda preocupación pola literatura infantil oral debido ao seu carácter pedagóxico-didáctico ao tempo que lúdico. Así o expresaba no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega -"Eu nacín entre as fonéticas dos contos. (...). Foron meténdome en contos antes dos contos, antes dos libros"-, onde fai unha defensa da oralidade "para que o neno almacene no seu entendemento toda a súa carga simbólica e lle sirva cando a precise". Xa que logo, Tragaxán e Tragadiño (Xerais, 2016) narra con deleite o que verdadeiramente importa: o xogo e a actividade física fronte á vida sedentaria das pantallas de ordenador e videoxogos, o bo comer, o amor pola natureza, a importancia da lectura, a descuberta de mundos a través da viaxe e a importancia dos afectos para superar a apatía vital.

No relato aparece como protagonista un campesiñado idealizado, en harmonía coa terra, representado por mulleres traballadoras que abordan as tarefas con ilusión e cantigas e homes que asumen roles domésticos con alegría: "unhas veces limpaba a casa o pai, o Xoán, e outras veces mentres se lle oía cantar dentro e fóra da casa, tocáballe limpar á nai, a Carmela".

Fronte ao larpeiro nugallán Tragaxán, está o seu irmán Tragadiño, neno aventureiro e vital tan pequeno de tamaño que cabe dentro dun zapato. A personaxe supón a revisitación do conto tradicional Garabanciño, adubiado agora cos ingredientes dunha cultura galaica que ten como tótem a vaca. O rapaz simboliza tamén o gusto por descubrir mundos e fará nacer no seu irmán o sentimento de solidariedade que o desterrará para sempre dese vivir entregado ao mundo dos instintos -a gula, a preguiza, a apatía-.

A lingua, que flúe xogantina coma nos vellos contos, é rica en onomatopeas, xogos de palabras e convites ao lector a entrar e saír do relato a través do narrador implícito. Unha vez máis, Graña desafía o reto de ensamblar o edificante e o literario, mantendo o cerne do noso, porque Tragaxán e Tragadiño é un conto galego e non doutra parte, entendendo galego como unha zona do humano que de tan particular é universal e verdadeira.

As ilustracións de Patricia Castelao, a ordenador, amosan gran capacidade narrativa pola forza expresiva da mirada enérxica e do trazo vigoroso, e contribúen a potenciar a frescura e a inxenuidade que todo o relato emana.

palabrasdepan@gmail.com

14 nov 2016 / 09:43
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito