Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 01 diciembre 2021
03:57
h

O coordinador de UPyD reitera que non pediu retirar ningún libro

Pedro Larrauri reiterou que non pediu retirar o libro de texto de Coñecemento do Medio de 5 curso da editorial Vicens Vives senón que a súa demanda foi a de "rectificar" unha información "incompleta" no manual

    O coordinador de UPyD en Vigo, Pedro Larrauri, reiterou este domingo que non pediu retirar o libro de texto de Coñecemento do Medio de 5 curso da editorial Vicens Vives, senón que a súa demanda foi a de "rectificar" unha información "incompleta" no manual.

    Nun comunicado, despois de que a Plataforma Queremos Galego convocase unha nova protesta en Santiago de Compostela, Larrauri denuncia "a manipulación do sentido da súa denuncia" e critica que A Mesa pola Normalización e outros colectivos "chegaran a pedir a dimisión do Valedor do Pobo e do conselleiro de Educación, mantendo terxiversadamente que se produciu un ataque contra a lingua galega".

    AO seu xuízo, o "asombroso do caso" é que están a basear as súas "protestas e ataques en algo que non é certo", ao repetir que se pediu que se retire o libro "por dicir que o galego é a lingua propia de Galicia". A proba de que "están equivocados", sinala, "é que hai polo menos outros 4 libros de Coñecemento, doutras editoriais, que tamén afirman que o galego é a lingua propia de Galicia, e non se pediu que se retire nin corrixa ningún deles por ese motivo".

    A polémica xurdiu a raíz de que o libro de texto sobre o que se formulou a protesta ao Valedor recolle o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía, no que di que "lingua propia de Galicia é a galega", no apartado de signos distintivos de Galicia.

    No artigo cinco, noutros apartados, recóllese que os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de coñecelos e de usalos (2); que os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento (3); e que ninguén poderá ser discriminado por razón de lingua (4).

    RECTIFICAR

    Neste sentido, o coordinador de UPyD asegura que "o único que se pediu no seu momento foi que se rectificase ese libro, completando a información parcial que ofrece" e, engade, "aclarando explicitamente a existencia de dúas linguas oficiais, galego e castelán, mantendo que o galego é a lingua propia pero sen omitir unha parte importante do que o Estatuto di, a que fala do castelán e da normalidade do uso de ambas as dúas linguas".

    "Como pensamos moitos galegos, o Valedor considerou que o libro presenta a información de xeito inexacto e incompleto", e ao final o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, "aceptou ordenar que se levase a cabo a oportuna corrección".

    Para o coordinador de UPyD en Vigo, "resulta rechamante que algúns colectivos reaccionen tan airadamente, baseándose nunha mala información ou a interpretacións falsas, acusando ao valedor e ao conselleiro de odiar e de atacar o galego".

    18 dic 2011 / 12:15
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito