Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O Cordeiro C.F. celebrou o seu cincuenta aniversario cun acto de recoñecemento aos directivos, xogadores, socios e colaboradores do club

O alcalde fixo entrega ao actual presidente dunha placa conmemorativa deste medio século de historia // Durante o evento presentáronse os equipos das sete categorías de fútbol base coas que conta o club

O Cordeiro C.F. celebrou o cincuenta aniversario da súa fundaciónn cun evento no campo municipal de Baño no que participaron o alcalde, José María Bello Maneiro, e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, ademais de directivos, exdirectivos, xogadores, socios e simpatizantes do club.

Entre os asistentes atopábase Constantino Campaña Tojo, que foi o primeiro presidente do Cordeiro C.F. El e o resto de directivos fundadores selaron o 23 de xaneiro de 1969 o comezo dunha andaina que perdurou no tempo ata cumprir o medio século de historia. Durante o acto houbo un recoñecemento especial para Constantino Campaña e para o resto de presidentes que o sucederon no cargo: José Andrés Castro Figueira, Manuel Carballeda, Jesús Bermúdez Navia e, actualmente, José Ramón Seco Buceta.

Os agradecementos estendéronse a todas aquelas persoas e entidades que, de xeito desinteresado, contribúen a que o Cordeiro C.F. siga sendo un referente deportivo na comarca: socios, patrocinadores, pais e tamén ao Concello de Valga que aporta equipacións e cede as instalacións nas que o club desenvolve a súa actividade. O alcalde fixo entrega ao presidente do Cordeiro dunha placa conmemorativa deste 50 aniversario e destacou o enorme labor que realiza o club potenciando os valores do deporte, a educación, o compañeirismo e a convivencia.

Durante o acto gardouse un minuto de silencio en memoria de todos os socios falecidos e, ademais, presentáronse os equipos das diferentes categorías da base: biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. Para rematar a celebración, tivo lugar unha comida de confraternidade no recinto do colexio de Baño.

29 sep 2019 / 10:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito