Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Corrubedo atesoura os restos de cinco plantas de salgadura

Na Robeiriña atópanse tres contiguas// No porto, a de Soler é hoxe restaurante // As pedras furadas da planta do Fagorro están no muro // Dous investigadores de Bertamiráns e Pontecesures están a divulgar este patrimonio

A parroquia ribeirense de Corrubedo atesoura aínda a maior parte das antigas plantas de salgadura que alí funcionaron. Só unha das seis que existían, a de Julio Fernández Paz, desapareceu para dar lugar a novas edificacións. Os restos dos almacéns que se conservan en Corrubedo distribúense entre a praia da Robeiriña, o porto (praia da Robeira) e O Cantón, na praia do Prado. E o proxecto Salgadeiras de Galicia pretende divulgar este patrimonio co obxectivo de recuperar a memoria das antigas fábricas e almacéns de salga de peixe existentes na costa galega.

Os promotores deste proxecto de investigación e divulgación son dous mozos de Bertamiráns e Pontecesures, Rita Romero Limeres e Ramón Angueira. Esta iniciativa sen ánimo de lucro para a divulgación dun patrimonio importante para Galicia, e que está esquecido en moitos casos, xa se pode atisbar na súa páxina de Facebook, pero están ultimando tamén unha web que agardan poida saír á luz a finais de ano.

"No tocante a Corrubedo, na Robeiriña atópanse tres almacéns construídos de xeito contiguo: o da familia dos Mariños, o da familia Villot e o de Antonio Pérez Domínguez O Carraspello, un empresario muradán que tamén tivo almacéns en Aguiño e no propio Muros. O dos Villot e o de Carraspello atópanse en estado ruinoso e cas fiestras e portas tapiadas, mentres que o dos Mariños está nun bo estado de conservación e é usado na actualidade como vivenda", sinalan.

No porto atópase un local ben coñecido: o restaurante Benboa, un establecemento que se ubica noutra antiga salgadeira. Tomás Busoms Mascláns (avó dun dos actuais propietarios do restaurante, Juan Carlos Brión), mercoulle a antiga planta a Leonor Soler Rutllá arredor de 1930. Esta, á súa vez, herdouna do seu pai, Salvador Soler Domenech, nacido en 1817 en Lloret de Mar.

O local foi remodelado para adaptalo ó seu actual uso, pero non por iso se quixo esquecer a súa orixe: no chan dunha parte do mesmo reproducíronse, cubertos con madeira, os lagares cadrados, feitos en pedra de cantería, onde a sardiña se botaba na salmoira, permanecendo neles arredor dun mes para que se saturase coa sal.

"Nun extremo da praia do Prado coñecido como O Cantón, está a derradeira das salgadeiras que quedan en Corrubedo. Do que fora o seu dono só se sabe que tiña por alcume O Fagorro. As pedras furadas (machos) do morto (lugar onde estaban as prensas cas que se extraía o aceite da sardiña ou saín), unha vez colocadas dentro dos tabais foron postas como lousas superiores do muro que rodea a fábrica cara á praia, polo que se pode intuir que nos almacéns desta salgadeira xa non quedan moitos vestixios das contrucións que servían para o procesado da sardiña", indican.

{ A LETRA PEQUENA }

Protexer máis alá da lei

AÍNDA QUE NON SEMPRE están debidamente catalogadas, as plantas das antigas salgadeiras galegas si están protexidas xenericamente pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, pero dende hai só un ano. En realidade, depende dos concellos que este tipo de construcións non acaben desaparecendo entre as súas propias ruínas. Un bo exemplo destas construcións que marcaron o rumbo dun municipio son as do Paseo do Areal da Pobra, no popularmente coñecido como Barrio dos Cataláns. O Concello amosou hai anos o seu interés por restauralas e poñelas en valor dándolles algún uso. Pero o certo é que as súas pedras seguen caendo.

O PROTAGONISTA

Carlos Fernández Coto

Presidente de Apatrigal"o mecanismo municipal é o ordenamento"

O presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), o rianxeiro Carlos Henrique Fernández Coto, sinala que "as salgadeiras forman parte dun período importante da historia da Galicia litoral que non se debe deixar caer e que se debe recuperar". Fernández Coto engade que "aínda que estas construcións estean en mans privadas, os concellos teñen mecanismos de catalogación e protección en base ó ordenamento do territorio". Nese senso, lembra que, no caso dos restos das salgadeiras da Pobra, "si están protexidas no PXOM grazas ás alegacións que presentou o Colexio de Arquitectos de Galicia".

03 nov 2018 / 21:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito