Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{OS OUTROS DíAS}

Cousas da historia

    TEÑO ENRIBA DA MESA, en quenda de espera prá súa lectura, un libro editado hai nada por Ensenada de Ezaro Ediciones baixo o título de La creación de las identidades nacionales. Europa: siglos XVIII-XX e a rúbrica de Anne-Marie Thiese. Prométese revelador. A súa autora dirixe en París o Centre National de la Recherche Scientifique e, según tamén se nos avisa na lapela do libro, é especialista en historia cultural. Na foto, que semella feita no claustro de Fonseca, apenas florecida a azalea que lle serve de manto, a autora aparece loira e surrinte, veremos se con razón, calquera sabe

    Hai días, casi fixemos noso o postulado que afirma que o home non ten condición, senón cultura; por iso podemos dicir hoxe que a súa historia acaso non sexa outra e posible máis ca que a que recorre e estudia a cultura que o define, a que a sinala e conceptualiza facéndoo de xeitos tan cambiantes que, pensalo e anque só sexa atisbalo na súa máis mínima expresión, pode estremecer de pasmo e non sei se tamén mesmo de medo; ou sexa, que historiar a cultura é necesario. Poñamos un par de exemplos ó respecto, ou tres, extractados do libro que se dixo e que avalarían esta que, non o dubiden, se trata de algo máis que dunha sospeita.

    Escribe Anne-Marie Thiese que "as nacións modernas foron construidas de xeito diferente ó que contan as historias oficiais. As súas orixes non se perden na noite dos tempos, nesas idades escuras e heroicas que describen os primeiros capítulos das historias nacionais"; ou sexa que se trata dunha "inventio"; como o da cnstrucción do Camiño de Santiago baseado na aparición duns osos dos que falaremos á volta duns mesiños, espero. Pero hai máis: "O sistema IKEA de construccións das identidades nacionais, que permite montaxes diferentes a partires das mesmas categorías elementais, pertence actualmente ó dominio público mundial: Europa exportóuno ó tempo que impuña ás súas antigas colonias ó seu xeito de organización política". ¿Gorentalles? Claro que o valor da afirmación varía caso de llo aplicar á nación francesa ou no de facelo á bretona, vostedes dirán qué lles parece. A cousa pode dar que falar e é máis que probable que se trate dun debate máis que necesario hoxendía cando o concepto de soberanía non ten nada que ver co que se estilaba naqueles da descolonización dos grandes imperios. Pero aínda lles agasallo con outra afirmación coa que enredar un pouco: "a nación nace dun postulado e dunha invención; pero non vive máis que da adhesión colectiva a esta ficción". ¿Temos inventio, temos nación, temos adhesión ou todo canto temos é unha ficción, cada vez máis deturpada? Aí lles queda, que a disfruten. Leamos o libro e, daquela, xa falamos.

    Escritor, Premio Nadal

    e Nacional de Literatura

    13 jun 2010 / 21:43
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito