Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
tribuna libre

Couto Mixto, a Andorra galega

    As orixes do Couto Mixto son as mesmas cás do actual Estado de Andorra. Este territorio singular de 3.000 hectáreas, situado en Ourense, entre os concellos de Calvos de Randín e Baltar, está integrado por tres parroquias: Santiago, Rubiás e Meaus. Por mor dunha lei de lindes entre os reinos de España e Portugual, estas terras arraianas, independentes desde a idade media, perderon a súa soberanía en 1864, afectando tal decisión a mil habitantes.

    En 1907 o derradeiro xuíz e autoridade gobernativa daquela república independente, Delfín Modesto Brandón, publicou un opúsculo de corenta e sete páxinas, titulado Interesante Historieta del Coto Mixto, na que describe as vicisitudes políticas, privilexios e historia dunha vila apenas coñecida, independente no económico e gobernativo, das coroas portuguesa e española. Foron poucos os historiadores galegos do século XIX que se ocuparon daquel pequeño Estado. Vicente Risco, dunha maneira breve; Madoz, tamén. Luis M. García Mañá recuperou os apuntamentos de Delfín Modesto Brandón e arrequeceu con esculcas en moitos arquivos históricos de Galicia e Portugal a reconstrución da identidade dunha república esquecida, que elixía á súa autoridade, gobernativa e xudicial, en ­asemblea aberta democraticamente cada catro anos. Circunstancia esta que non pode pasar desapaercibida para os estudosos da convulsa historia de España do século XIX. Delfín Modesto Brandón defendeu a permanencia da identidade político-territorial daquel pobo, pero foi vítima da reacción absolutista, que tiña na Igrexa tridentina o seu mellor esteo. "O Estado non debe ter relixión, porque o Estado non confesa, non recibe a comuñón, nin morre", dicía Modesto Brandón seguindo o ditado do seu dirixente, o tribuno Emilio Castelar.

    No ano 2000 a Fundación Premios da Crítica Galicia visitou aquelas terras arraianas, tan ben descritas nas páxinas literarias de Bento da Cruz, Méndez Ferrín ou Ribeiro Coello, entre outros, para tomar contacto cos seus homes e mulleres, nos que aínda vivía aniñada na súa memoria a historia dos seus devanceiros. Foi así como xurdiu a creación da Asociación de Amigos do Couto Mixto. A partir de entón celebramos varios cursos académicos en colaboración coas universidades de Vigo, Tras-Os-Montes e Alto Miño, grazas ao entusiasmo do profesor Xosé Manuel Cid; recuperamos as antigas institucións do "vigairo", dos "homes de acordo" e puxemos en marcha un ambicioso proxecto de "enteirar" a historia do Couto Mixto, en acaída e ­enxebre expresión de Otero Pedrayo, e mesmo institucionalizamos o nomeamento do "Xuíz Honorario" para todos aqueles que fosen merecente de tales honores polo seu apoio nesta tarefa esculcadora.

    Sete anos despois deste intenso traballo, dous deputados, Alberto Fidalgo e Laura Seara, presentaron senllas proposicións non lei para o recoñecemento da singularidade do Couto Mixto, que o Congreso e Parlamento de Galicia aprobaron por unanimidade. A eles vailles conceder a Asociación de Amigos do Couto Mixto a distinción de "Xuíces Honorarios", e como tales serán investidos con todos os rituais establecidos ­nunha sesión que se celebrará o próximo día 7, na igrexa de Santiago de Rubiás, onde tamén serán obxecto de idénticos merecementos o profesor Máximo Salinas da Universidade de Santiago de Compostela e o crego Miguel Blanco. O vello arcón gardará para mellor gloria da historia a crónica dese día.

    As iniciativas parlamentarias debatidas e aprobadas por todos os grupos parlamentarios das dúas cámaras lexislativas abren un horizonte de posibilidade para as novas corporacións locais de Calvos de Randín e Baltar, agora máis receptivas ao recoñecemento da "república esquecida". Esta mesma ilusión estenderémola aos concellos lindantes co obxectivo inmediato da creación dunha mancomunidade transfronteiriza que elabore un plan estratéxico que lles sirva de guieiro ás actuacións das administracións públicas galegas e portuguesas. A ­Asociación de Amigos do Couto Mixto será unha rexa valedora na consecución deste obxectivo político .

    06 jul 2007 / 00:18
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito