Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A Creba, un centro que traballa arreo pola inserción das persoas

Fabiola García visitou onte ós usuarios da sede de Noia, onde destacou o labor das entidades sociais na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria //Coñeceu as necesidades e o funcionamento das instalacións

A conselleira de Política Social, Fabiola García, felicitou onte á entidade social A Creba, durante unha visita ao centro ocupacional que ten en Noia, polo seu traballo na inserción sociolaboral das persoas con discapacidade. Os usuarios e usuarias da asociación poden realizar obradoiros de deseño téxtil, tratamento do coiro ou da pasta de papel que lles facilitan a transición ao mundo laboral.

A representante do Goberno autonómico coñeceu de primeira man as necesidades e o funcionamento das súas instalacións, ao tempo que agradeceu o labor das entidades sociais posto que, concretou, son elas as que están día a día atendendo ás persoas con discapacidade e ás súas familias para resolver e atender as situacións que se lle presenten.
A Xunta de Galicia financia oito das vinte prazas deste centro noiés, para o que destina un importe anual de 47.700 euros. Asemade, o citado departamento autonómico achegou no ano 2019 un total de 1,1 millóns de euros á Federación de Asociacións de Persoas con Enfermidades Mentais (Feafes), a entidade encargada deste inmoble.

En concreto, en concepto dun convenio nominativo recibiu o ano pasado 617.856 euros; a través do reparto de 2019 do 0,7 % do IRPF, concedeulle a Feafes 292.020 euros; no mes de setembro foi beneficiada con 17.880 euros en concepto de subvención para o financiamento das actualizacións salariais derivadas da entrada en vigor do XV Convenio Xeral de Centros e Servizos de Atención a Persoas con Discapacidade; e por último, tamén recibe axudas para voluntariado, programas de inclusión e outro socio-educativo e unha subvención a través da orde de asesoramento e formación FSE.

Na súa intervención, García sinalou que aínda queda moito por facer en materia de inclusión, pero asegurou que, coa axuda de entidades como A Creba, “Galicia é unha sociedade cada vez máis xusta, igualitaria e solidaria”.

Pola súa banda, o presidente do centro, Xosé Ramón Girón, agradeceu a visita da titular de Política Social, “unha persoa que dende que a coñecemos como conselleira sempre manifesta unha gran sensibilidade hacia os problemas do noso colectivo, que son as persoas con enfermidade mental crónica persistente, que necesitan todo un proceso de recuperación para intentar recuperar a súa vida normal”, un esforzo polo que traballan día a día. Nesta liña, lembrou que se trata dunha doenza que “vai debaixo da pel, sempre como escondida; non ten unha manifestación”.

Finalmente, Girón tamén avanzou que contan cun proxecto para ampliar o edificio de Noia, construído no ano 2006, xa que resulta pequeno. Conta con corenta prazas e catorce traballadores, ademais dunha segunda sede no concello de Ribeira.

A PROTAGONISTA
Conselleira de Política Social

Fabiola García: “entidade de referencia en Galicia”
A conselleira de Política Social renoñeceu que “sempre é un pracer visitar unha entidade como A Creba, referencia na súa comarca e veciñas que destaca en todo Galicia”. Aproveitou o encontro que mantivo cos usuarios do centro ocupacional que a asociación ten en Noia, así como co persoal e directivos do mesmo, para agraceder “a todos os que forman parte desta gran familia, polo seu traballo diario, esforzo e dedicación, xa que son as entidades de Galicia as que están aí a pé de campo, a pé de rúa, os 365 días do ano, atendendo, coidando e mimando ás persoas que padecen enfermidades mentais, pero que tamén son unha fonte moi importante de apoio ás súas familias”. “Por iso me enche de orgullo coñecer de primeira man estas instalacións, aos usuarios e, como non, escoitar as necesidades que todavía teñen”, afirmou finalmente a representante autonómica.


14 feb 2020 / 21:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito