Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
patrimonio

Cultura dixitalizará o fondo da RAG

A conselleira Ánxela Bugallo e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, asinaron onte na Coruña un acordo de colaboración ·· O obxectivo é facilitar o acceso e estudo aos tesouros bibliográficos e documentais conservados na biblioteca e arquivo da institución

Os fondos bibliográficos e documentais da Real Academia Galega serán dixitalizados. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, e o presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, asinaron onte pola mañá na Coruña un convenio que permitirá realizar unha copia dixital dunha boa parte dos importantes documentos que se conservan na biblioteca e no arquivo desta institución, para poñelos á disposición do público xeral. A Fundación Cidade da Cultura de Galicia financiará estes traballos con 149.000 euros. A decisión de levar a cabo esta dixitalización, que se desenvolverá entre este ano e o vindeiro, vén dada pola importancia para a cultura galega dos fondos que garda a Real Academia. O obxectivo é asegurar a súa conservación, facilitar o seu acceso e estudo e difundir entre a sociedade este patrimonio.

Estes fondos bibliográficos e documentais, unha vez convertidos ao formato dixital, pasarán a formar parte dos fondos dixitais da propia RAG e tamén do Arquivo Nacional e da Biblioteca Nacional de Galicia. Estes fondos poderán ser consultados por toda a sociedade, e en especial polos investigadores interesados no seu estudo, a través de internet.

Coa Real Academia Galega a Consellaría de Cultura comeza a dixitalización dos fondos das principais institucións culturais do país, "dada a relevancia da Academia como institución nucleadora e dinamizadora da cultura galega ao longo da historia", segundo afirmou Ánxela Bugallo, que tamén anunciou que nas vindeiras semanas se producirán acordos deste tipo con outras institucións.

A Consellería de Cultura e Deporte está a traballar nun ambicioso programa de dixitalización, que pretende incorporar a cultura galega á sociedade do coñecemento. Este programa consiste na dixitalización dos principais documentos culturais, sexan escritos, sonoros ou audiovisuais.

ALFAIAS

Unhas oito mil páxinas de publicacións

Ademais do legados de diferentes autores depositados na Real Academia Galega dixitalizaranse unhas 8.000 páxinas de publicacións periódicas, correspondentes a 33 títulos ou cabeceiras e un total de 121.320 páxinas de fondos bibliográficos, correspondentes a 792 obras.

Entre os tesouros da biblioteca da Real Academia Galega dixitalizaranse obras de Concepción Arenal, Alfredo Brañas, José Rodríguez Carracido, Manuel e Miguel Colmeiro, Manuel Curros Enríquez, Joaquín Díaz de Rábago, Juan Durán Loriga, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Nicomedes Pastor, Eduardo Pondal, Benito Vicetto ou José Villamil.

As publicacións máis destacadas son: Estado Mayor (Lugo, 1811), Exacto Correo de España en La Coruña (A Coruña, 1810-1815), La Oliva (Vigo, 1856-1857), El Miño (Vigo (1857-1868), El Criticón (A Coruña, 1885), El Defensor de Galicia (A Coruña, 1856) ou La Ilustración de La Coruña ( A Coruña, 1860-1865).

OS DATOS

Irmáns de la Iglesia O plan de dixitalización dos fondos documentais da Real Academia Galega conecta e baséase no traballo que xa a está a desenvolver a propia institución. Por iso, o primeiro fondo que vai ser dixitalizado é o dos Irmáns de la Iglesia, figuras sobranceiras do Renacemento cultural galego do século XIX. En fases posteriores, o plan de dixitalización abordará outros fondos ata completar a escolma dos que integran o seu arquivo e a súa biblioteca.

Nomes sobranceiros Tamén se acometerá a dixitalización de fondos de personaxes senlleiros da cultura galega como Marcial del Adalid, Curros Enríquez, Leiras Pulpeiro, Pondal, Villar Ponte, Suárez Picallo ou Pascual Veiga, entre moitos outros.

19 nov 2008 / 21:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito