Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
Galicia Natural

Cursos fluviais de Galicia: o Río Ulla

O río Ulla é un dos máis longos e caudalosos de Galicia, só por detrás do Miño. Nace no concello lucense de Antas de Ulla e desemboca no Océano Atlántico, entre os concellos de Pontecesures e Padrón, formando a Ría de Arousa

En boa parte dos seus máis de 120 quilómetros de percorrido, o Ulla serve de fronteira natural entre as provincias de A Coruña e Pontevedra, atravesando concellos como os de Arzúa, Touro, Vila de Cruces, Silleda, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Teo, Padrón ou Pontecesures. Algúns dos seus principais afluentes son o Arnego, o Deza, o Pereiro ou o Vea. Ademais, nas súas augas tamén cabe destacar o encoro de Portodemouros, que separa os concellos de Arzúa e Santiso, na parte coruñesa, e de Vila de Cruces e Agolada, na pontevedresa.

Os principais riscos ambientais deste curso fluvial son os numerosos vertidos de augas sen depurar que chegan á súa conca, tanto de orixe industrial como particular, provocando graves danos ás especies de flora e fauna que habitan nas súas augas e marxes. A construción do encoro de Portodemouros supuxo un forte impacto para o Ulla, alterando o ciclo natural de especies piscícolas migratorias ó impedir o seu paso, como no caso do salmón. Ademais, prodúcense constantes alteracións no leito fluvial, con subidas e baixadas do cauce en concellos como os de Silleda, Vila de Cruces ou Boqueixón. Neste capítulo, cabe destacar tamén a aparición entre os meses de maio e xuño (primeiros días de calor) dunha alga moi invasora e agresiva que impide a pesca e que está causada polo alto contido de nitratos que van a parar ás augas do Ulla, un cauce que atravesa moitos núcleos de poboación que verten as súas augas sen depurar e terras de labradío das que recibe tamén vertidos de puríns.

O Ulla é un río salmoneiro integramente galego, no que a Administración ten volcado todo o seu esforzo co plan de recuperación do salmón. Os tres coutos salmoneiros máis importantes son o de Sinde (concellos de A Estrada e Padrón), o de Couso (Teo e A Estrada) e o de Ximonde (Vedra e A Estrada). No curso alto do río (Monterroso e Antas de Ulla) a troita é a especie dominante, con tres importantes coutos. Ademais, a zamborca é outra das especies que están a conseguir unha presenza significativa no curso medio e baixo do río.

Ver: no curso medio e baixo do río hai espazos naturais de gran beleza como as illas de Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, ou o couto de Ximonde, onde ademais de desfrutar da pesca se pode admirar unha das vistas máis fermosas do río. Ó longo de todo o seu curso, pero especialmente na conca media, as ribeiras do Ulla están poboadas de pazos e casas señoriais de especial relevancia e beleza, como o de Oca (A Estrada) ou o de Ortigueira (Vedra). Xa preto da súa desembocadura, outra das nosas recomendacións pasa pola visita á localidade padronesa de Herbón e ó seu Mosteiro. Ademais, a parte media do Ulla (dende o embalse de Portodemouros ata o seu achegamento a Herbón, onde se converte en ría) é unha zona moi buscada para a práctica de actividades acuáticas como o rafting.

Chegar: a N-640, nos tramos que unen Monterroso e Lalín, e a N-525, de Lalín a Santiago, son algunhas das estradas que nos permiten acceder a diferentes tramos da parte media do río.

Comer: o salmón e as troitas son algúns dos produtos máis apreciados da gastronomía das terras que rega o Ulla. A carne de porco e os seus derivados, o galo de curral, así como outros manxares típicos galegos como a empanada, son boas recomendacións. Nas vilas da desembocadura, a raíña gastronómica é a lamprea.

Aloxamento: os concellos do curso medio e baixo do río contan cunha ampla oferta hosteleira (casas rurais, hoteis e pensións) que supoñen unha boa opción para facer noite.

 

21 ene 2011 / 01:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito