Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Daporta e Filgueira reinventaron as filloas de Lestedo

O Mercado Boanerges, en Santiago, foi o escollido polos chefs para elaborar os pratos

Onte o mercado Boanerges, en Santiago, contou dende as 12.00 horas e ata as 20.00 cunha filloeira tradicional que elaborou en directo este produto típico do Entroido para que todos os visitantes o puidesen degustar. Dispuxo un total de 50 litros de preparado e elaborou preto de 2.000 filloas ao longo de toda a xornada. Con todo, o prato forte chegaba a partir das 21.00 horas, cando os recoñecidos chefs Yayo Daporta e Roberto Filgueira tomaban o relevo.

Yayo Daporta elaborou un novo concepto de taco de cocido galego cunha filloa, ofrecendo así unha versión galega dun prato típico da gastronomía mexicana. Por outra banda, quixo tamén dar presenza aos produtos e encheuna de xurel á brasa con pan de millo. As propostas de Roberto Filgueira tamén tiveron en conta os produtos do mar e da terra, así unha das súas tapas era unha filloa rechea de grelo e porco celta, e a outra de alga codium e polvo.

O rexedor boqueixanés, Manuel Fernández, aproveitou a cita gastronómica para destacar "a importancia deste tipo de eventos para dar a coñecer o potencial da filloa tradicional de Lestedo" e agradeceu a colaboración ao Mercado compostelán, pois "este tipo de sinerxias son moi beneficiosas para todas as partes", e salientou "a boa disposición que en todo momento amosaron para desenvolver esta xornada de posta en valor da Filloa de Lestedo".

Pola súa parte, o xerente do Mercado Boanerges, Manuel López, afirmou sentirse "moi orgulloso" de poder acoller este evento previo á gran festa. "A filloa incítame tradición, é un prato tan simple como mesturar fariña e auga, pero é un estandarte da tradición gastronómica de Galicia", sentenciou.

13 feb 2020 / 21:05
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito