Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
ENFIANDO

Decretar a morte do rural

    A XUNTA decretou a morte do rural! É un berro que debía e ecoar por toda Galiza desde Ortegal ao Miño. E se non están os tempos xa para o rebrilar dos fouciños, si para protestar enerxicamente, como o farán hoxe moitos comuneiros en Compostela.

    Dirán moitos de vostedes: e non será para tanto. E eu dígolles: pois será, será.

    O monte da Lanzada xa non é dos veciños de Noalla, senón que a Xunta (o Xurado de Clasificación de Montes de Pontevedra) decidiu entregarllo a Demarcación de Costas. E todo porque seica xa non o usan para o pastoreo ou o esquilme coma antes. Agora é zona de "especial protección".

    Falamos do primeiro monte que lle sacan aos veciños desde o franquismo (recuperarano no ano 1989), pero virán máis e máis. Promulgaron un lei a man tenta para facelo. Unha lei que di que os montes veciñais que están abandonados ou que non teñen o uso tradicional, poden serlle entregados de balde a empresas forestais ou as diversas administración públicas para que os poñan en valor.

    Teñen un concepto utilitarista do monte. Pensan que un monte ou está cheo de madeira ou non rende. Coma se non existisen outros valores, por exemplo o paisaxístico ou o medioambiental.

    No caso da Lanzada acóllense a que é de protección especial. Tamén poden acollerse para privatizar os montes a que están en Rede Natura. Acabáramos, a maioría dos montes veciñais galegos forman parte, casualmente, da Rede Natura!

    A xurisprudencia sostén que os montes veciñais non teñen porque ser agrícolas ou forestais. Por iso crean novas leis, ad hoc. Tratase de que, polo menos, 700.000 hectáreas se enchan de piñeiros e eucaliptos. O que non queren facer os veciños, que o fagan as empresas privadas. Por iso pretenden descualificalas e privatizar estas terras. O que impiden os veciños que o fagan os especuladores.

    Terras que teñen dono. A figura do monte veciñal en man común é unha titularidade comunitaria que ven do dereito xermánico.

    E postos, a Xunta non podería conveniar estes montes dos veciños, cunha lei semellante ao do Banco de Terras, onde lle cedesen a explotación a mesma Xunta ou a outros comuneiros para a súa explotación... Se non se lles ocorrería sacarlle o monte a un propietario unipersoal, porque lei lle van sacar a un propietario colectivo. Expropiemos logo as sociedade anónimas!

    Si, cunha lei pola cal os veciños da parroquia puidesen recuperar os seus montes cando os precisasen, e non con esta lei que fixa a recuperación no prazo de 50 anos.

    Quen se lembrará daquelas de quen son os montes e onde están os montes, se xa terán mortos todos os que son hoxe maiores de idade!

    A min dóeme esta lei, é non é única, porque demostra que nin pensan nin queren recuperar o rural galego algún día. Decretaron a súa morte.

    Xornalista

    20 abr 2018 / 22:35
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito