Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Cifras e letras

Dereitos de formación

    EN MOITOS PAÍSES, entre eles España, pode darse unha compensación en concepto de preparación ou formación ao club de fútbol de procedencia dun xogador, cando este recala noutro club tras a finalización do seu contrato. Ademais, o regulamento da Real Federación Española de Fútbol establece que todos os clubs nos que o xogador se formase con anterioridade recibirán unha achega por dereitos de formación, aínda que as cantidades resulten en xeral anecdóticas.

    Máis aló da contía, o concepto en si paréceme moi ben e xusto. Os clubs modestos esfórzanse en formar aos xogadores desde etapas moi temperás, con gran dedicación e moi poucos medios. Sen o seu bo facer, en particular o dalgúns clubs infantís e xuvenís especialmente exitosos á hora de formar bos xogadores, sería moi difícil que estes despuntasen e tivesen sequera a oportunidade de que algún observador agudo e con criterio os incorporase ao seu caderno de promesas do balompé.

    MUTATIS MUTANDIS. Seguindo este fío nunha conversa con Antonio Agrasar, conselleiro delegado de Plexus, falamos de que, mutatis mutandis, podería facerse o mesmo para as institucións que formamos aos investigadores e investigadoras. No CiTIUS, por exemplo, temos permanentemente a máis de medio cento de investigadores e investigadoras en formación e cada ano unha decena deles defende a súa tese doutoral con éxito. Case todos vanse despois. Desafortunadamente, a maior parte vaise fóra de Galicia e non poucos mesmo fóra de España. En todo caso, é frecuente que continúen facendo investigación, xa sexa en centros de prestixio nacionais e internacionais ou en empresas nas que soben con rapidez os chanzos profesionais.

    Se alguén que saíu dun colexio, unha facultade, un centro de formación profesional, dun ámbito docente, o que sexa, chega ao longo da súa vida a facer achegas excepcionais para o ben común, non estaría de máis que a institución que o formou recibise máis recursos para seguir facendo o seu labor. Non se trataría, polo menos como eu o vexo, dun premio polo éxito acadado por algunhas das persoas que se formaron na devandita institución durante unha parte significativa das súas vidas.

    Sería realmente un investimento para mellorar a calidade da formación e aumentar así a probabilidade de que se produzan máis casos semellantes. En definitiva, trataríase de axudar a cambiar a excepción pola regra.En definitiva, trataríase de axudar a cambiar a excepción pola regra.

    DIRECTOR CIENTÍFICO DO CITIUS, CENTRO SINGULAR DE INVESTIGACIÓN EN TECNOLOXÍAS INTLIXENTES DA USC

    04 ene 2020 / 22:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito