Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 22 enero 2021
02:00
h

O Día da Ciencia en Galego achega 6.000 alumnos ao Laboratorio Europeo de Física de Partículas

Cen institutos da comunidade seguirán unha videoconferencia con varios físicos galegos dende distintas partes do mundo

Uns seis mil estudantes dun cento de institutos galegos seguirán mañá dende os seus centros unha videconferencia en tempo real sobre física de partículas protagonizada por varios físicos galegos que traballan en experimentos do Laboratorio Europeo de Física de Partículas (CERN) dende Santiago, Lisboa e a propia sede da institución, en Xenebra. Os participantes nesta actividade, organizada pola USC co gallo do Día da Ciencia en Galego, poderán achegar aos investigadores do maior acelerador de partículas do mundo as súas preguntas a través de Twitter: Será a través do hashtag #cienciaetecnoloxiaengalego, que os organizadores aspiran a converter en trending topic do día.

Na videoconferencia Facendo física de partículas polo mundo, dende a Facultade de Física de Santiago,  participarán Patricia Conde, investigadora no LIP de Lisboa e física do experimento ATLAS do CERN; Olalla Castro, profesora no City University en Londres e investigadora en teoría cuántica de campos; Abraham Gallas, investigador no CERN e na USC e físico no experimento LHCb do CERN; Carlos Salgado, e investigador no CERN e na USC no ámbito do estado da materia nos primeiros instantes do Universo; e Cibrán Santamarina, profesor da USC e investigador no experimento LHCb do CERN. A videoconferencia tamén se poderá seguir desde a Facultade de Ciencias do Campus de Lugo. 

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coordina esta actividade co apoio da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino da comunidade. A institución universitaria completa o Día da Ciencia en Galego con outras actividades en sete centros máis dos campus de Santiago e Lugo.

05 nov 2012 / 14:32
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito