Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

O Diario de Ferrol defende os seus 13 anos de historia

A sección de infografía do xornal é trasladada ata A Coruña // Tres traballadores do Diario quedan na rúa // A plantilla mobilízase "polo mantemento do emprego" neste medio de comunicación

Naceu coa ilusión propia de 1999: Xaime Bello acababa de gañar a Alcaldía, o Racing de Ferrol preparaba o camiño para o ascenso á Segunda División, parecía que sempre facía bo tempo. E a cifra máxica de 1999 serviu de amuleto para un loitador equipo de xornalistas veteranos e de novísimos licenciados en Xornalismo, liderado entón por Germán 'Man' Castro. O Diario de Ferrol vigorizou durante este tempo a sociedade ferrolá, revitalizou o papel dos medios na cidade e deu emprego a ducias de profesionais. Por todos estes motivos, os seus traballadores defenden os seus 13 anos de historia e loitan contra o desmantelamento do medio.


Acompañados por máis de 100 veciños e representantes sociais, os 27 traballadores concentráronse hoxe ante o Concello de Ferrol. A sección de infografía acaba de ser eliminada, as labores serán realizadas dende agora por El Ideal Gallego en A Coruña. Segundo a plantilla do Diario, "esta medida implica que tres traballadores do noso xornal se quedarán na rúa, os tres infógrafos quédanse sen traballo, o último deles xa marcha hoxe". Como indicaron dous xornalistas na lectura dun comunicado, "vémonos na obriga de saír á rúa para expresar o descontento co proceder da empresa, consumouse a medida de reducir unha sección completa e insistimos nas consecuencias negativas para a autonomía do xornal e o seu funcionamento".


Nunha pancarta podíase ler o lema: "Polo mantemento do emprego no Diario de Ferrol". Alcaldes da comarca, representantes sindicais e membros da vida cultural apoiaron aos traballadores. O equipo de Diario de Ferrol quere seguir ofrecendo historias de Ferrol contadas dende Ferrol, dende as súas rúas, prazas e estaleiros.

07 feb 2013 / 13:46
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito