Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Divulgan a maior obra sobre o Camiño a Fisterra-Muxía

Antón Pombo elaborou un compendio da información existente // Publicada por Hércules de Ediciones, foi presentada na vila do Cristo // O autor puxo onte sobre a mesa os valores e tamén as eivas desta prolongación xacobea

Baixo o título Prolongación jacobea a Fisterra y Muxía, o historiador, xornalista e escritor especializado no Camiño de Santiago, Antón Pombo, elaborou a obra máis completa que existe sobre a ruta de peregrinación que leva ata fin da terra.

É ó ultimo tomo, o 18, da colección La Gran Obra de los Caminos de Santiago, de Hércules de Ediciones. Foi cofinanciado pola Xunta dentro do programa O teu Xacobeo, e na súa elaboración colaboraron o antropólogo Manuel Vilar; o profesor e escritor Xan Fernández Carrera; a escritora Carmen Pugliese e o fotógrafo José M. Salgado. A súa publicación pretende ser tamén unha homenaxe ao seu coordinador, Segundo Vázquez Portomeñe, que faleceu este ano.

Foi presentada onte en Fisterra, nun acto presidido polo alcalde, José Marcote; a tenente de alcalde de Muxía, Mónica Vilela; a concelleira de Cultura fisterrana, Teresa Fernández; o editor, Francisco Rodríguez, e o fotógrafo José Manuel Salgado. O autor a definíu a obra coma "un libro de compendio da información dispersa que hai sobre este Camiño, e que se complementa coa calidade das fotografías de José Manuel Salgado". Partindo dunha introdución de carácter histórico, recolle tamén lendas e tradicións, as modificacións feitas nos últimos anos, o proceso de recuperación da ruta impulsado nos anos 80, ademais da evolución dos hospitais e dos albergues dende a Idade Medida e tamén as testemuñas de peregrinos dende o século XIV.

Compleméntase cunha descrición detallada por etapas, abarcando a paisaxe, a natureza, a flora, a vexetación, os monumentos, centros de interpretación...

Na presentación Pombo avaliou a evolución do Camiño a Fisterra e Muxía, sinalando que hoxe está ben sinalizado e foi mellorado no seu percorrido. Estímase que cada ano o percorren máis de 60.000 peregrinos, o que fixo que nos últimos 15 anos o número de albergues pasase de catro a 47. Tamén salientou as eivas, destacando catro delas. A primeira é que "aínda non esta delimitada oficialmente". Fíxose unha delimitación provisional hai máis de 20 anos, e agora hai unha proposta que contempla cambios, "polo que urxe o trazado definitivo, e así o demandan os concellos para definir os plans xerais".

Outra eiva é o "excesivo asfalto, do que se queixan os peregrinos", e tamén a existencia de puntos perigosos en Dumbría, Cee, Corcubión e Negreira. Para correxir estes problemas, Pombo avoga por habilitar sendas paralelas ou variantes.

Unha terceira eiva é "a eucaliptización do percorrido, polo que habería que protexer a contorna do Camiño con máis diversidade". E por último, Pombo alerta "do intento de converter este Camiño tamén nun percorrido á inversa, cara Santiago". De feito asegura que "foi sinalizado con frechas aproveitando os mojóns da ruta, polo que a Xunta debería intervir, xa que esta é unha prolongación dende Compostela cara Fisterra e Muxía". Así o avalan documentos históricos, pois xa na Idade Media era recomendada na propia catedral de Santiago para que os peregrinos visitasen tamén o Santísimo Cristo de Fisterra e o santuario de Nosa Señora da Barca.

29 oct 2019 / 20:37
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito