Santiago
+15° C
Actualizado
miércoles, 22 septiembre 2021
02:21
h

A dixitalización da revista 'Céltiga' rescata un fito da prensa galega da diáspora

As principais entidades culturais divulgan nos seus web a colección completa da cabeceira, publicada entre 1924 e 1932

    Foi a académica e catedrática Margarita Ledo quen evocou onte, nas salas do Consello da Cultura Galega, o concepto comunidades imaxinadas de Benedict Anderson para se referir ao proceso de construción política, social e cultural que devén na creación dun nexo imaxinario, unha percepción compartida, un fío invisíbel. O propio nome da revista Céltiga é, para Ledo, unha declaración de principios desa "pertenza" a un espazo común que é a Galicia de alén e aquén mar.

    Publicada entre 1924 e 1932, Céltiga é unha das cabeceiras de referencia da prensa da diáspora galega. Agora, a colección íntegra, un total de 182 números, ve a luz, completamente dixitalizada, grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, a Universidade de Santiago, a Real Academia Galega, o Centro Ramón Piñeiro, a Fundación Penzol e o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, que compartirán nos seus web esta publicación, cuxo derradeiro director foi Eliseo Pulpeiro. A súa filla, Silvia Pulpeiro, fixo chegar onte, a través dunha carta, o seu recoñecemento ás institucións e persoas implicadas neste rescate, en homenaxe a aquel "grupo de idealistas soñadores e laboriosos que deron vida a Céltiga".

    Tras as publicacións parciais deste monumental legado -acometidas no pasado polo Centro Ramón Piñeiro, como detallou Luís Alonso Girgado, e interrompidas pola falta de orzamento- preséntase esta edición conmemorativa dos noventa anos do seu primeiro número, un percorrido pola máis vizosa produción do pensamento galeguista e da literatura, a ilustración, a arte e o xornalismo anterior á Guerra Civil española.

    O presidente do CCG, Ramón Villares -acompañado por María Isabel Casal, directora da Biblioteca Universitaria de Santiago; Julio Souto, da Fundación Penzol; Eduardo Pardo de Guevara, director do IEGPS e do libreiro Pablo Rodríguez- anunciou, para o vindeiro 2015, unha exposición sobre esta e outras cabeceiras de referencia da prensa galega.

    fperez@elcorreogallego.es

    30 sep 2014 / 22:00
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito