Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

Doctorow esnaquiza o soño americano

    E. L Doctorow é, sen dúbida, un dos grandes escritores do século XX en lingua inglesa. En Norteamérica considérano un patrimonio nacional. Ganador de todos os premios e galardóns da literatura estadounidense, eterno candidato ao Nobel, soubo reflectir mellor que ningún outro a cara agochada de EE.UU. Baixo esa óptica, as súas novelas revelan a memoria colectiva de todo un país ahistórico, aínda que non exento de mitos. Faino arestora de forma insuperable en El lago, incorporada hai unhas semanas por Miscelánea Editores á Biblioteca Doctorow. El lago, porén, non é unha novela de doada lectura. Inmediatamente posterior a Ragtime, engástase, como esta, nos vieiros abertos por John Dos Passos na súa triloxía verbo de EE.UU. Non é unha novela lineal, senón a máis experimental das do escritor de Nova York.

    A historia oculta de Norteamérica acostuma cimentar as novelas de Doctorow e en El lago xoga así mesmo un papel crucial, nomeadamente o período da Grande Depresión e o auxe dunha sociedade emerxente na primeira metade do século XX, no que miles de vagabundos, como Joe o heroe de El lago, deambulaban dun lugar a outro na procura de sustento e tamén de esperanzas. En efecto, a trama descontinua de El lago achéganos á figura deste mozo que foxe do fogar familiar, aprende cuns feirantes a dura realidade da vida, ata que unha noite o vagón iluminado dun tren, con varios personaxes e unha muller espida nos seus compartimentos, fai que siga as vías do ferrocarril ata desembocar en Loon Lake. Será o comezo dunha turbadora historia de soños, desexos, abraios e pesadelos que se desprega a través dunha fuxida esbardallada a través da América profunda. Un periplo que lle permite a Doctorow retratar e denudar a vida americana. Un mundo violento, individualista e cruel no que un personaxe como F.W. Bennet o mesmo rompe cos seus matóns un intento de folga, como acolle de xeito paternal a un pobre diaño como Joe, que simboliza o self-made-man a partir da nada.

    A lectura desta novela esixe activar o pacto narrador-lector, porque Doctorow non insire a trama nunha arquitectura lineal, como acostuma facer. Porén, o ritmo da súa prosa é o característico da súa escrita: constrúe con habelencia atmosferas humanas sen golpes de efecto, cunha prosa minuciosa, envolvente, sen pausas. Virtuosismo técnico para esnaquizar o soño americano, dominado por prácticas mafiosas e habitado por un lumpemproletariado vagabundeando polo país.

    20 ago 2011 / 03:03
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito