Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ in memoriam }

O doutor García Alén, o señor das olas

    ASEGURABA ÁLVARO CUNQUEIRO que nunca as mans dos homes están tan cerca das dos deuses como cando escriben ou converten en cuncas o barro informe. De coñecer Cunqueiro ao doutor Luciano García Alén engadiría que tamén cando reciben a un neno que sae do ventre de súa nai. A iso dedicou Luciano a súa vida e as súas mans: a escribir os seus libros, a estudar as formas que os oleiros modelan, a recoller os nenos que acababan de nacer e a aloumiñar o círculo íntimo da súa familia e dos seus amigos.
    ‘O Señor das olas’ foi como saudou a Luciano un seareiro das tascas da zona vella compostelá cando xa era sabido que percorría as corredoiras de Galicia para dar noticia dos oleiros que existiran. Tanto lle gorentou o epíteto que ese foi o título que lle puxo á su monografía O señor das olas. Crónica de viaxes e outras historias, publicada como número 101 da Biblioteca 114 de EL CORREO GALLEGO.
    O doutor García Alén naceu en 1928 no pontevedrés barrio da Seca de Santa María de Mourente. Fíxose compostelán de adopción e en Santiago desenvolveu toda a súa actividade profesional e cultural, pero sempre se considerou pontevedrés porque, como o poeta alemán Rainer María Rilke, estaba convencido de que “a verdadeira patria do home é a infancia”. Era tan grande a súa paixón por Pontevedra que decidiu edificar o seu fogar no barrio da Rocha nun solar desde o que se divisaban as torres da Catedral e porque quedaba no antigo camiño de Pontevedra. De todas as distincións recibidas (fillo adoptivo de Xunqueira de Espadañedo, Galego do mes de agosto de 1990 de El Correo Gallego, Pedrón de Ouro (2002), Medalla de Ouro do Museo do Pobo Galego (2008), etc. a que máis orgullo lle producía era a concesión do Premio Cidade de Pontevedra en 1998. En Pontevedra cursou o Bacharelato, e, por tradición familiar, a carreira de maxisterio e foi alumno colaborador do Museo de Pontevedra, onde xa traballaba o seu irmán Alfredo. Naqueles anos e nun fogar de 10 irmáns, pensar en estudar unha carreira universitaria en Santiago era unha quimera, pero dado o seu aproveitamento académico e a súa inmensa capacidade de traballo, a Universidade de Santiago concedeulle unha bolsa que lle permitiu cursar a carreira de Medicina, que rematou en 1952, ano no que se adscribiu ao Hospital Clínico da Facultade de Medicina, na que tamén se doutorou e obtivo praza de profesor axudante. Becado pola Delegación Nacional de Educación, en 1956 e 1957 estudou citoloxía co profesor J.P. Pundel en Bruxelas e Luxemburgo e diagnóstico precoz do cancro en Xenebra co profesor H. Watteville. Ao regreso organizou o Laboratorio de Citoloxía do Servizo de Obstetricia e Xinecoloxía da Facultade de Medicina de Santiago, na que en 1975 tomou posesión como profesor adxunto e en 1979 de profesor titular. Antes, en 1966 participou na fundación do Instituto Policlínico A Rosaleda e en 1976 fundou e dirixiu a maternidade do mesmo sanatorio médico.
    Ademais dos seus méritos de médico humanista, Luciano García Alén dedicou o tempo que lle deixou libre a clínica, a consulta xinecolóxica e a docencia á arte de modelar o barro, a estudar a cerámica popular, impulsando a súa restauración e dignificando este oficio como un dos acervos da nosa tradición cultural máis antiga. Das viaxes de estudo e promoción das artes do pobo naceron importantes traballos que dignificaron o tradicional oficio de cacharreiro, sobre todo a raíz da publicación da súa grandiosa monografía, La alfarería de Galicia, a súa obra máis destacada, editada en dous volumes pola Fundación Barrié de la Maza en 1983, pero tamén, e non menos importantes, Contribución al estudio de la alfarería popular en Galicia, 1979; A alfarería tradicional de Buño. Carpeta de debuxos, 1986; A louza tradiconal de Niñodaguia, 1995; A olería tradicional de Gundivós, 2002; etc. E aínda, como complemento das súas preocupacións culturais, García Alén é autor do conto infantil O Castelo da Rocha Vella, editado pola Asociación Cultural Rocha Forte en 2003.
    Co seu irmán Alfredo, secretario do Museo de Pontevedra durante trinta anos, con Xosé Manuel Vilasó, o seu inseparable colaborador, e con María, a súa excepcional muller, percorreu Luciano Galicia enteira, desentrañando os ancestrais métodos de traballo das vellas producións. Nesas demoradas viaxes de investigación sobre as artes do pobo, Luciano foi reunindo unha importante colección que doou ao Museo de Pontevedra e ao Museo do Pobo Galego. Desde estes dous museos, como membro do Padroado de ambos e presidente que foi da Xunta Rectora e vicepresidente do Padroado do Pobo Galego, seguiu ocupándose da cultura popular e da alfarería moi particularmente.
    En 1986, cun grupo de empresarios e profesionais, fundou e presidiu durante a súa primeira etapa o grupo de opinión Club Nacionalista Alén-Nós, que gozou dun elevado prestixio pola súa importante defensa da idea de Galicia e polo carácter aberto a todas as ideoloxías e opinións. Foisenos o doutor Luciano García Alén, o señor das olas, pero quédanos o seu exemplo. Unha torre de ética por riba de todo. Luciano deixa en todos os que o tivemos a honra de colaborar con el en moitos dos seus emprendementos un baleiro que nunca ninguén poderá encher. Que a terra lle sexa lene.

    18 oct 2015 / 21:59
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito