Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
A POUSADA NO CAMIÑO

Dúas normativas para o galego?

    A ASSOCIAÇOM GALEGA da Lingua (AGAL), que preside Eduardo S. Maragoto, ven de propor intelixentemente a admisión en pé de igualdade, canda a normativa oficial da Real Academia Galega, da normativa do galego internacional, aquelando conscientemente o criterio de identidade co de utilidade e poñendo o foco tanto na pertenza ao galego ao tronco lusófono como o evidente dos seus caracteres diferenciais por mor da evolución histórica.

    Compre dicir que tamèn a RAG, dende a liña respectuosa co reintegracionismo que representan o seu presidente, Vitor Freixanes ou o seu secretario, Henrique Monteagudo, foi quen de se afastar de tempos pasados nos que se caracterizou por excluir da consideración cultural e intelectual a lingüistas e autores tan notábeis como Carvalho Calero (ogallá axiña se lle dedique o Día das nosas Letras que lle pertence) ou Marinhas del Valle, canda a xenreira de determinados académicos a respecto das persoas que lexitimamente usaban dunha opción alicerzada na filoloxía e na historia.

    Velaí que sexan tempos para xuntar esforzos. Tan galega é a escrita ILG-RAG de Manuel Rivas, Suso de Toro ou Xavier Alcalá como a reintegracionista e internacional de Teresa Moure e as dúas arrequecen a nosa literatura e a nosa lingua. Cómpre, pois, rematar de vez coa discriminación que outrora sofriron -e seguen a sofrir- na súa liberdade os autores lusistas.

    Outro avance fundamental sería implantarmos a Lei Paz Andrade de vez, mais mudando un erro substancial que está a pexar a súa implantación nos seus cinco anos de vixencia. Como aqueladamente teñen observado Xavier Alcalá ou Henrique Sáez Ponte, o erro é considerarmos o portugués como lingua extranxeira, cando a súa aprendizaxe polo miúdo haberíase instrumentar nas aulas de galego, até chegar ao total dominio da nosa lingua e a un cumprido nível no portugués e no brasileiro.

    Máis dúbidas teño a respecto de institucionalizar o binormativismo que desenvolven as linguas nacionais da Noruega e de Luxemburgo. Canda as súas avantaxes evidentes non se nos poden agachar certos inconvenientes vencellados á racionalidade de evitarmos elementos de confusión no ensino. Porén, conviña afondar xa no achegamento léxico do galego ao portugués ou mesmo estudar a conveniencia de determinadas aproximacións ortográficas parciais. En calquera caso, é un debate onde haberíamos escoitar nomeadamente aos lingüistas.

    Seica pode abrirse un tempo e un espazo de concordia no uso normativo do galego, inéditos nos últimos 40 anos.

    O AUTOR É AVOGADO

    30 mar 2019 / 22:47
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito