Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 20 mayo 2022
10:54
h

Dúas obras fundacionais de Carlos Casares

'A galiña azul' e 'As laranxas máis laranxas de todas as laranxas'

A galiña azul e As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002), publicadas tras obter o I Concurso Nacional de contos infantís (1968) e o I Concurso de Teatro infantil galego (1973), da Asociación Cultural O Facho, merecen ser relidas por achegar innovacións técnicas, recursos formais, unha linguaxe propia do lectorado agardado, novos modelos de sociedade e un cambio de valores, ademais de afondar na crítica social, modernizar a LIX e inaugurar a literatura de tendencia fantástico-realista.

Casares abeirou á LIX con A galiña azul, dedicado a Ana Lasquetti González-Pardo e construído a raíz do leit motiv dunha carta enviada para que non esqueza que é galega, polo que os cinco relatos que a acompañan están escritos na súa lingua natal e son: O peixe da fonte do xardín, A bomba da felicidade, A galiña azul, A formiga esquiadora e O final da historia da galiña azul, unidos polo narrador omnisciente e testemuña e porque se desenvolven no mesmo espazo físico, ademais de contar coa presenza de personaxes como a galiña azul, o garda, Leoncio, Lorenzo e Manolito Listón. A primeira edición complementouse cos debuxos en cores frías e cálidas realizadas polos fillos de Xohán Ledo.

Pola súa banda, As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas consta dun único acto e comeza co nacemento dunhas laranxas de gran tamaño no limoeiro da horta de Elías e Anxa. Enlázanse anécdotas cheas de nonsense, hipérboles, humor e surrealismo, protagonizadas polos donos da horta, o can Paulino e a galiña Petra, nas que tamén participan veciños que acoden ao oír o estrondo do estoupido dunha laranxa. A edición enriquécese cos bocetos de figuríns e co decorado xeral para a representación da peza realizados por Luís Seoane López (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979).

As dúas obras propostas para a súa relectura, que contan con reedicións actuais, comparten unha linguaxe sinxela e directa para achegarse a un amplo lectorado. Nelas estabelécense intertextualidades cos mitos da cornucopia da ninfa Amaltea e o "Ábrete, Sésamo" d'As mil e unha noites e con Alice's Adventures in Worderland (1864), de Lewis Carroll.

E tamén intratextualidades entre a galiña Petra e a galiña azul e entre os obxectos que saen da laranxa e a bomba da felicidade, xa que Casares presentou arquetipos de personaxes que desenvolvía, en maior ou menor grao, segundo as necesidades temáticas, argumentais e estilísticas de cada obra da LIX.

Transmítense valores como a tenrura, a constancia, a solidariedade, a preocupación e o apoios aos demais e a xenerosidade, entre outros. E critícase a non defensa do dereito a ser diferentes e libres, de aí a burla castigo que sofre Manolito Listón por opresor e o castigo do avarento Veciño da Escopeta.

caracocha4@hotmail.com

PROTAGONISTAS ELIXIDOS

Premio Merlín de Literatura Infantil O Premio Merlín foi o primeiro que modernizou o sistema literario infantil e xuvenil. Comezou no ano 1986 da man de Edicións Xerais e continúa co mesmo vigor na actualidade. Este premio, ademais de acoller voces moi recoñecidas na LIX,  deu a coñecer novos creadores, abriu correntes e tendencias e exerceu un importante labor de canonización. Segue a ser un bo estímulo para a creación literaria.

Mil cousas poden pasar. Libro I Na última edición mereceu este galardón Jacobo Fernández Serrano pola obra Mil cousas poden pasar. Esta novela de aventuras estrutúrase en tres partes (‘Lina e Pouco’, ‘A viaxe de ida’ e ‘A morte, o mar, a praia’) e sitúase en dous escenarios aparentemente opostos, dentro e fóra do mar, que se verán entretecidos a través das accións dos personaxes. Trátase dunha obra caracterizada pola fluidez, pois semella que o seu argumento esvara con absoluta naturalidade a través do mar e do río protagonista: Inrique. Outro aspecto importante é a abondosa cantidade de personaxes que desfilan polas súas páxinas. Na vila de Nil, o escenario terrestre, atópanse Lina e Pouco, unha desas parellas case idílicas pola maneira en que se complementan. En contra dos tradicionais roles masculinos e femininos, está unha muller, valente e decidida, fronte a un home miúdo e tímido. Como antagonista aparece Elpidio Comesaña ou Hedión, nome que prefire o pérfido enterrador. Dentro do mar vive a familia do rei Pindo IV o Tratable e da raíña Donalbai, pais de Neda e Mercurín, xunto aos seus súbditos. Neste escenario retómanse dun xeito humorístico seres fantásticos que son retratados como personaxes extravagantes e caprichosos, pero non máis absurdos que os seus veciños terrestres, xa que en ambos os casos xorden guerras sen sentido e as normas poden variar en calquera momento segundo a súa vontade. Merece un comentario á parte a linguaxe do texto, tan envolvente e atractiva como as imaxes realizadas polo propio autor, ben coñecido no eido da ilustración e do cómic. Numerosas son as alusións directas que invitan o lectorado a reflexionar sobre os acontecementos narrados e promoven a intriga para seguir lendo esta novela. ESTHER DE LEÓN VILORIA

NOVAS +

Parabéns para o escritor Agustín Fernández Paz pola inclusión neste ano 2010 do volume de relatos O único que queda é o amor (obra que foi Premio Nacional de LIX no ano 2008) na Lista de Honra do IBBY e pola homenaxe que se lle rendeu no XI Salón do Libro Infantil e Xuvenil da cidade de Pontevedra. ELOS

PARA COÑECELA +

30

Sen atender ás publicacións periódicas, foi na década dos anos 30 cando se publicaron os primeiros volumes de literatura dramática infantil e xuvenil. Foron eles Agromar. Farsa pra rapaces (editorial Palacios, 1936, estreada en 1932), de J. Acuña, pseudónimo de Xosé Fernando Filgueira Valverde e Teatro dos nenos. Monólogos (da editorial Loroño, 1936), de Álvaro de las Casas. Na primeira, dividida en dous "Lances" e un "Remate", salientan ideas galeguistas e amósase a dualidade aldea/cidade, destacando o sentimento da terra, dentro da liña temática "sentimental e patriótica". A segunda, aparecida nese mesmo ano na colección Renacencia da imprenta noiesa, é unha peza en versa sobre a vida mariñeira composta por dúas paroladas, "Medo" e "Os pecados". Pilar Bendoiro Mariño

NOVAS +

De sempre, as traducións foron un piar da LIX galega, por iso se recomenda a lectura de Ovelliña dáme la, dos autores Isabel Minhos Martins e Yara Kono, e O tempo voa, obra original dos creadores João Pedro Mésseder e Gémeo Luís. Trátase de dúas obras portuguesas editadas por Kalandraka que recibiron Mencións Especiais no Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, que se convocou por primeira vez en 2008 e que foi presentado na Feira de Boloña no ano 2010. ELOS

NOVAS -

Benvida a recompilación da revista de banda deseñada Galimatías que se publicou con ELCORREO até finais e 2009 e que se complementa coa web www.ouniversodegalimatias.com, Premio Eganet 2009 á mellor web de comunicación. ELOS

04 may 2010 / 04:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito