Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Dumbría revive a Vákner e a súa misteriosa identidade

Varios especialistas tentaron poñerlle rostro ao monstro que atacaba os peregrinos no Camiño a Fisterra-Muxía // Home lobo, dragón ou animal do outro mundo, son algunhas das propostas // Dará pé a un proxecto que se presenta hoxe

Vákner é un monstro que no Medievo atacaba aos peregrinos no Camiño que levaba ata o fin da terra. Da súa presenza deixou constancia o bispo Mártir de Arzendján (Armenia) logo de chegar ao cabo Fisterra no 1493. Definiuno como "animal salvaxe grande e moi dañino". Seis séculos despois o seu espírito revivíu onte en Dumbría no I Encontro Internacional Vákner, que continúa hoxe, e no que os especialistas deron fe da súa existencia, aínda que non coinciden á hora de poñerlle rostro.

O catedrático Fernando Alonso Romero cre que podería tratarse dun lobishome (home lobo), pois séculos antes da chegada do bispo armenio "estes seres xa andaban aterrando este territorio". De feito, asegurou, na igrexa de Morquintián (Muxía), do século XII, nun canecillo da parede norte pode verse a figura "ambigüa e enrevesada" dun músico que, dependendo do lado polo que se mire, pode verse un personaxe con cara de lobo. Interpreta Alonso Romero que se trata dun "músico que está suplicando que non sexa transformado nun lobishome".

Pola súa banda, a doutora en Filoloxía Inglesa, Aurora Lestón, decántase máis por que fose un dragón, "aínda que é unha conxetura". Lembrou que no Medievo describían aos dragóns como "animais reais", e cre que a historia do Vákner chegou a Galicia da man dos suevos, e foi pasando de pais a fillos converténdose así nunha lenda local. Sobre o seu aspecto destacou que tería unha morfoloxía de reptil.

Para Ignacio Iñarrea, catedrático de Filoloxía Francesa na Universidade de La Rioja, tratábase dun "animal real y relacionado con el mal", namentras que Alfredo Erias, director do Museo das Mariñas, falou do Vákner como unha "tentanción, un animal do outro mundo, mitolóxico, con elementos máxicos ou espirituais". No encontro participaron tamén Javier Castroviejo, exdirector da Estación Biolóxica de Doñana (CSIC), quen falou do lobo, e Martiño Nercellas, biólogo, que ofreceu outra interpretación do que puido ser este "animal grande e moi dañiño". A xornada pechouse cunha mesa redonda sobre o contexto espacial e temporal do Vákner, na que participaron Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; Francisco Singul, xefe do departamento de Cultura Xacobea e José Antonio de la Rieira, fundador da Fraternidade Internacional do Camiño.

No acto inaugural o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, asegurou que "o Vákner vaille dar valor ao Camiño", coincidindo coa comisaría do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, que destacou a "gran potencialidade" deste proxecto.

O alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño quixo suliñar que "non é un proxecto local, senón de todo o Camiño dende Santiago ata Fisterra", e lembrou o compromiso de Dumbría coa Ruta Xacobea, pois xa "no 1208 o cura do Logoso, Estevo, donou a Santiago o que sería o promeiro hospital de peregrinos". Agora tentarán que o Vákner sexa "un dinamizador máis" e con tal fin presentarán hoxe un ambicioso proxecto, do cal xa avanzaron o vídeo promocional ao que lle puxo música Bieito Romero, de Luar na Lubre. Da coordinación de todo encárgase o historiador Antón Pombo.

18 oct 2019 / 21:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito