Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Duplicarase o ecoparque de aventuras de San Roque

    O Concello de Ribeira vai duplicar as prestacións do ecoparque arbóreo de aventuras de San Roque, pasando de tres a seis circuítos. O obxectivo desta intervención reside en potenciar o interese desta infraestrutura como espazo de turismo activo sacándolle maior potencial ás enormes posibilidades do parque periurbano.

    Para a súa materialización, o executivo local está en xestións coa Xunta de Galicia coa finalidade de elaborar un convenio co que recibir axuda para o seu financiamento.

    Os xogos que se van implementar revestirán maior dificultade que os xa existentes na busca de satisfacer as expectativas dun maior espectro de usuarios. Así, un dos circuítos estará equipado cos seguintes elementos: rocódromo, rondinos locos, ponte de corda, unha tirolina de 17 metros e outra de 200 metros.

    O segundo disporá dunha escaleira de cordas, unha parede de paso, un trapecio sentado, unha ponte balancín e un cable de equilibrio.

    O terceiro levará unha escaleira de cordas, lianas múltiples, rede de troncos e tirolina de 150 metros.

    A actuación ten un orzamento de 48.070 euros e un prazo de execución de dous meses. Cómpre lembrar que ditas instalacións seguen funcionando, se ben co inminente inicio da tempada baixa vai abrir baixo demanda, calquera día da semana e cun grupo mínimo de dez participantes. Os interesados poden chamar ó teléfono 604 053 874.

    19 sep 2019 / 21:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito