Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ tribuna libre }

‘Ecuatoria’

    ‘Ecuatoria’ é o último libro traducido ao castelán de Patrick Deville e editado por Anagrama. A novela, ficción sen ficción, é un escintilante relato de aventuras de verdade que se encadea no ronsel desa saga de construcións novelescas de P. Deville, cuxo furco temporal é o último século e medio. Un libro coral e unitario protagonizado por personalidades titánicas polo seu heroísmo ou pola súa ruindade, nacidos fóra de África uns, oriúndos outros dunha terra condenada por un destinos tráxico. Configúrase a novela como un relato da vida de Pierre Savorgnan de Brazza (1852-1905). Non entanto, amalgamadas nese relato atopamos as doutros moitos personaxes relacionados con África, e case que sempre antitéticos entre si: A. Schweitzer, J. Conrad, J. Verne, H. Stanley, Agostinho Neto, Jonas Savimbi, Pepetela, o negreiro Tippu Tip ou Che Guevara. Vidas esnaquizadas pola tentación do heroísmo, traidores ou indecisos como reza a dedicatoria do libro.
    Ecuatoria desencártase como un inabarcable océano de historias, un friso apaixonante de fazañas e acontecementos relevantes relacionados entre si e nos que o marco escénico é a África acoutada polas illas de São Tomé e Zanzíbar, atravesando unha gran parte inexplorada de Gabón, Angola, o Congo e Tanganika. Como núcleo central, a reconstrución da vida de Brazza, rescatado dos esquecementos da Historia.
    Brazza explorador e cartógrafo, fundador de Brazzaville, que liberou escravos e freou numerosos atropelos, pero que, grazas as súas actividades como pioneiro, abriu as cancelas para a colonización de África polas potencias europeas. Dá no albo P. Deville coa estrutura paralela. O autor vai relatando os seus propios periplos polas mesmas derrotas dos seus heroes ou viláns. Efectúa, como tal, a mesma viaxe que fixera Brazza polo río Ogooué ou vai a Kigoma para recuperar as pegadas dos homes que o Che deixou tras de si coa misión de atopar os combatentes cubanos extraviados durante a desfeita e fuga do Congo en 1965.
    Ficción e non ficción, fornecidas nun estilo de prosa claro e conciso, dotado porén de gran brío épico, na que certas luzadas líricas entran con forza na armazón da prosa e trasladan o lector tralas pegadas daqueles seres lendarios que desvelaron o corazón das tebras.

    Crítico literario


    25 jun 2015 / 22:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito