Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 10 julio 2020
11:34
h
literatura infantil e xuvenil

Elos de lectura

    'Quokka Moka': valiosa ferramenta para educar con respecto e igualdade

    Nas xanelas das librarías xa se pode ver a nova achega á Literatura Infantil e Xuvenil galega da escritora e xornalista María Solar (Santiago de Compostela, 1970), unha autora ben coñecida que comezou a súa andaina literaria no ano 2008 co laureado libro Boa sorte.

    Desta vez, presenta a súa última obra Quokka Moka (Xerais, 2019), que gozou dunha gran acollida entre o público de todas as idades. Este éxito estendeuse ao eido editorial coa saída do prelo de versións traducidas ao castelán, a cargo da editorial Anaya, e ao catalán, baixo o selo de Animallibres.

    O relato, organizado en catorce breves capítulos, recolle as vivencias de Quokka Moka, un pequeno marsupial egoísta e insoportable que está en perigo de extinción. Entre as moitas falcatruadas que no día a día a pequena Quokka leva a cabo sobresae unha que, sen dúbida, vai marcar un antes e un despois na historia e na vida da especie deste tipo de canguros: o derrubamento involuntario do pequeno tobo no que vivía a súa grande familia.

    Esta trasnada da pequena Quokka provoca a desaparición de case toda a súa especie, tal como llo explica a avoa á pequena. As únicas que conseguen sobrevivir a esta catástrofe son a avoa, o espírito do sapo Roco e a protagonista.

    Estes tres personaxes deberán viaxar ata o Antiuniverso onde habitan os equivalentes á especie das quokkas: os quokkos. A pequena Quokka Moka vese na obriga de casar cun deles para asegurar así a continuidade da súa especie e evitar a súa futura desaparición do planeta.

    O percorrido que os personaxes fan ata chegar ao Antiuniverso está marcado pola ollada inxenua da protagonista infantil que por primeira vez comeza a ver un universo diametralmente oposto ao seu, onde as cousas saen do "común" e funciona ao "revés".

    Valores básicos como a amizade, o amor, a igualdade, a importancia de respectar aos demais, a empatía e a tolerancia van ser fundamentais no desenvolvemento da trama argumental. Quokka Moka vén a constatar a importancia da LIX como unha ferramenta educativa básica no ensino de valores nos máis novos.

    María Solar, a autora, recorre á imaxinación e á fantasía para tratar con tenrura e humor a relevancia de educar na igualdade xa desde idades temperás. Tamén hai que salientar o magnífico labor do ilustrador pontevedrés Víctor Rivas, pois os seus enxeñosos e coloridos debuxos enriquecen e complementan de maneira extraordinaria o texto, mergullando aos máis pequenos no pracenteiro mundo da lectura.

    TEXTO LAURA CAAMAÑO CRPIH

    Para saber máis:ao redor do libroe da lectura

    Poucas son as monografías indiviuais e colectivas que en Galicia achegan estudos sobre o libro e a lectura coa Literatura Infantil e Xuvenil no fondo; por iso é moi benvida Habitando historias. 10 experiencias arredor do libro e da lectura (Galaxia, 2020), coordinada por Montse Muriano. Acolle dez experiencias da man de Ángeles Abelleira, Patricia Carballal, Paula Carballeira, Fina Casalderrey, Francisco Castro, Mercedes Cerdeiras, Érica Esmorís, Andrea Maceiras, Eva Mejuto e Montse Pena que responden con comentarios e críticas ao que afirma a coordinadora no traballo introdutorio en relación a seducir coa lectura a partir de textos, álbums, booktubers e o mundo transmedia "facendo uso da nosa voz e das nosas devanceiras".

    Unha boa docencia non é posible sen a lectura; por iso é esta unha monografía que convén ler de vagar, os seus comentarios acaídos e sempre precisos axudan a avanzar no fomento da lectura.

    TEXTO CARMEN FERREIRA UDC/ELOS

    O valor dos premios: Compostela unespazo de ficción

    Comezamos o ano con novidades que proveñen de obras premiadas ou finalistas de premios convocados no pasado ano 2019 que agora podemos mercar ou ler nas bibliotecas e que, de seguro, serán do gusto dos máis novos e mediadores.

    Hoxe referímonos a Tres catorce dezaseis, de Rocío Leira, obra finalista do xa prestixioso Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, co que Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Fóra de xogo, nos invita á lectura de obras ben construídas.

    Nesta ocasión Rocío Leira (A Pereiriña, Cee, 1979), en vinte e oito capítulos moi breves, ofrece unha proposta narrativa moi atractiva, situada en espazos da Universidade compostelá, e na que xoga con correos electrónicos, enigmas, pistas, códigos... que terán que descifrar, nun xogo matemático, discentes e docentes.

    Unha obra de misterio e intriga que, de seguro, prende no lector activo que terá que axudar a resolver as propostas deste duelo intelectual.

    TEXTO BLANCA-ANA ROIG USC/LIJMI/ELOS

    Álbum: Non as guerras nin aoabuso de poder!

    A editorial Kalandraka acaba de publicar na colección MareMar o álbum Ninguén coma min [Autobiografía dun tirano], escrito por Ignacio Chao (Pontedeume, 1968) e magnificamente ilustrado por Eva Sánchez (Girona, 1986), que recibiu mención do xurado do XI Premio Compostela. Trátase dunha metáfora sobre o poder e a guerra que avoga polo paz e a non violencia, mediante a biografía dun porco que repasa a súa traxectoria vital como tirano e que amosa a diferenza como algo elitista, como se reflicte marabillosamente nas ilustracións figurativas.

    O protagonista, que é engreído, egocéntrico e petulante e que despreza a cultura, non amosa ningunha empatía polos seus súbditos que lle deben render pleitesía, condeando a quen se opoña aos seus desexos e ordes. Mais todos eses delirios de grandeza esvaecen cando se revela ao final a identidade do tirano. Un álbum necesario para concienciar sobre o abuso de poder.

    TEXTO MARTA NEIRA USC/CRPIH

    Un alegato contra a incomunicación infancia-adultez

    O álbum Quero peixe (Alvarellos, 2019), da escritora e ilustradora islandesa Áslaug Jónsdóttir, traducido ao galego por Lawrence Schimel, ofrece unha historia sobre as dificultades comunicativas entre nenos e adultos que vai in crescendo. A trama sinxela usa, mais non abusa, da repetición como chave argumental, variándoa con imaxinación para o gusto do lector, quen pasa dunha escena á seguinte preguntándose como conseguirá a autora presentar outra vez o mesmo motivo baixo un novo enfoque que xustifique a súa prolongación ata o final feliz, de rigor neste xénero.

    O protagonismo corresponde a unha nena, caracterizada polo modo en que afirma os seus desexos e remata por impoñelos fronte á superficial atención que lle prestan seus pais. A presenza dun malentendido, primeiro como desencadenante e logo leitmotiv, resulta moi suxestivo, xa que serve para iniciar o lector, cun exemplo cotiá e accesible, nas dificultades da linguaxe -neste caso a anfiboloxía- que apenas comezou a dominar. Nada impide, en efecto, que a literatura infantil chegue a cuestionar implicitamente a comunicabilidade do seu propio vehículo, mentres en cambio o concilia coas prestacións da imaxe que o ilustra.

    Respecto ás ilustracións, o seu estilo mostra unha factura enérxica de marcado contorno, dominada polos trazos e que ao representar a protagonista gritando con lóxica exasperación roza o expresionismo. A falta de entendemento cos seus pais reflíctese en que aparecen mostrados só parcialmente, a miúdo só as súas mans e nunca as súas faces. Un modo hábil de indicar a súa incapacidade para comprender o que desexa a súa filla, quen en cambio domina cada páxina coa súa presenza.

    E, por certo, a última ilustración, que a mostra sumida nun feliz soño, carece de texto, como poñendo un selo de mudez sobre a superación das súas dificultades.

    TEXTO FRANCISCO JAVIER CABO USC

    10 mar 2020 / 00:00
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito