Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 02 diciembre 2022
21:51
h
{ posdata }

Emigrantes

    NAS últimas manifestacións que lle escoitei e lin a Emilio Lledó repite a experiencia que para el supuxo emigrar a Alemaña, sendo un mozo con 53 kg despois de facer o servizo militar. A viaxe a Heidelberg de aquel aprendiz de filósofo márcao para o resto dos días. Por iso agora, ben avanzados os oitenta, volve unha e outra vez a aquela experiencia xuvenil que tanta repercusión tería na súa vida, no só no campo intelectual. Trae os recordos para combater o estereotipo de que os andaluces son vagos, non pode soportalo despois de ver a aqueles emigrantes de Xaén, Sevilla, Almería, Huelva, a finais dos anos 50 e comezos dos 60 do século pasado, traballando 12 horas diarias, malvivindo en barracóns, coa única ilusión de xirar 1000 marcos ao mes á familia que resistía na miseria da postguerra. E vénlle á cabeza a dedicación a ensinar gramática alemá a quen nin aprendera a española. E rebélase, non lle parece xusta a simplificación. Enténdoo. Eu que vivín a experiencia na melloría dos anos 70, cando xa moitos regresaban, e só por meses de verán, tampouco o dei esquecido.

    Moitos mozos de hoxe tamén emigran. Talvez os mellor formados, os máis valiosos. Pero xusto é admitir que as condicións non son idénticas. Non digo con isto que non teñan dereito os nosos licenciados a exercer aquí as súas profesións ou a dedicarse con garantías a investigar. Nada máis lóxico e beneficioso para o país que aproveitar o investido en formar a unha xeración de profesionais capaces. Nada tan doloroso como formarse con esforzo en enxeñería para logo ter que se conformar cun posto moi por debaixo da capacitación nun país estranxeiro. Con todo, as expectativas nesta sociedade global serán cada vez máis abertas, os profesionais e investigadores desexan contactos non tan apegados ao lugar de nacemento. A mobilidade e permeabilidade entre europeos e incluso outros continentes traspasará medos e prexuízos que agora nos atenazan. Non é lóxico que mozos preparados deban buscarse a vida de camareiros en Londres, pero non podemos ignorar que no futuro será frecuente que moitos exerzan a súa actividade profesional sen barreiras xeográficas. Deixaremos de ser emigrantes cando elixamos traballar en Berlín ou San Francisco. De momento, parece que non hai elección.

    Profesor e escritor

    10 abr 2015 / 20:31
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito