Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Encontros con activistas e filmes no Espazo de Oza

Senda Nova volve a encher o outono con proxectos de dinamización do rural // Nas tardes dos venres difundirá en primeira persoa o traballo de persoas que sobresaen en diferentes ámbitos sociais // Seguen coas rutas interpretativas

Novembro será un mes intenso no Espazo da Natureza de Oza (Carballo), xa que a asociación Senda Nova segue apostando por un outono cargado de propostas, entre as que destacan os Xoves de Filmes e un novo ciclo de Encontros con Activistas. Todo mentras seguen as rutas interpretativas do Outono en Marcha.

Proxectos que, aseguran dende o colectivo, "teñen obxectivos que se vertebran a prol da dinamización do noso rural a través do Espazo da Natureza de Oza e tamén de diferentes tipos de dinamización".

Os xoves, ás 19.00 horas, Senda Nova convida a compartir tardes de filme para visibilizar traballos audiovisuais de problemáticas ambientais de diferentes lugares e outros relacionados co patrimonio máis local. Este ano as propostas son Chaves, la memoria expoliada, de Daniel Orte e María José Urraca (7 de novembro); 27 fragmentos de ecologismo social, de Ecologistas en Acción (día 14); Alta tensión, una brecha en el territorio, de Eguzki Bedeoak (día 21) y Buenosdíastengausté, unha produción de Senda Nova que fai un recorrido pola escola da metade do século XX a través de faladoiros con maiores de máis de vinte parroquias da Costa da Morte. Esta proxección pechará o ciclo o día 28 do presente mes.

Pola súa banda, os Encontros con Activistas terán lugar os venres, tamén a partir das sete da tarde. Logo de recibir o pasado mes a Leopoldo Álvarez Sousa para compartir experiencias das súas viaxes polo continente africano, o vindeiro venres, día 8, achegarase a Oza a carballesa Lorena Marrozos. Unha voluntaria da capital de Bergantiños que traballa coas oenegués como Miradas al Mundo, JUTT Helping People ou Aires, entre outras, e que participa en diversos proxectos nos Balcáns, Guinea-Bissau e outros países en desenvolvemento axudando ás persoas refuxiadas e con poucos recursos. Ademais, impulsa diversas iniciativas humanitarias locais de recollida de materiais de primeira necesidade para enviar a ditas comunidades. O venres, día 15, as protagonistas serán Lucía e Doris, dúas heroínas anónimas que veñen darlle voz a veciñas e veciños de aldeas do municipio de El Triunfo, do sur de Honduras, que se opoñen a ameaza da minaría depredadora na súa zona ante a pasividade das institucións públicas.

Unha semana despois, o día 22, o convidado será Moncho Ríos, impulsor de diferentes probas deportivas en Carballo e cofundador de Medi Ducia e da A.D. Atletismo Carballo. Pechará o ciclo de encontros o cabanés Paco García, cun faladoiro sobre a resposta do rural de Bergantiños contra a megaminería contaminante. Trátase dun activista contra a minería de ouro en Corcoesto e dinamizador de movementos a prol da terra dende a Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños.

Un ciclo co que Senda Nova convida a todos os interesados a aprender "da organización de proxectos de dinamización en diferentes ámbitoso e, como non, visibilizar movementos deportivos, ambientais ou sociais". E todo sen deixar de camiñar e pecorrer camiños e corredoiras co Outono en Marcha. A próxima cita é o domingo pola Ruta das Férvedas, que discorre por terras de Carballo.

04 nov 2019 / 21:07
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito