Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O epistolario entre Manuel María e Piñeiro, recompilado nunha obra

Vintenove especialistas abordan as distintas facetas da traxectoria do poeta chairego

    Santiago. O día no que Manuel María cumpriría 87 anos foi a data escollida para dar a coñecer unha nova obra en homenaxe ao poeta ao que se dedicou a festa das Letras Galegas neste ano. Unha publicación na que 29 autores e especialistas abordan as diferentes facetas da traxectoria do autor chaireigo, ademais dunha recompilación do epistolario que compartiu co intelectual galeguista Ramón Piñeiro.

    Co ano Manuel María a punto de chegar a súa fin para dar paso á conmemoración en 2017 da figura de Carlos Casares, o Centro Ramón Piñeiro impulsou o volume XXXV dos seus xa tradicionais Cadernos, nesta ocasión co título Manuel María: cecais hai unha luz. Memorabilia.

    Luís Alonso Girgado e Xosé Luís Cochón, en colaboración con Laura Piñeiro e Verónica Pousada, foron os encargados de dirixir e coordinar este traballo, que contou coa participación de especialistas do talle de Ana Acuña, Darío Xohán Cabana, Xosé Luís Franco Grande, Pilar García Negro, Margarita Ledo ou Mercedes Queixas, entre outros.

    O propio Cochón destacou, en rolda de prensa, algunhas das perspectivas abordadas no libro sobre un autor con case sesenta anos de escritura en lingua galega, como a súa obra poética, o Manuel María dramaturgo, ou a súa propia traxectoria vital.

    Pola súa banda, o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro, Manuel González, referiuse a este "día de festa" ao redor dunha figura que segregaba "serenidade" e "tranquilidade", pero ao mesmo tempo " firmeza" na defensa dos seus ideais, "sempre aliñado na defensa de lingua de xeito incuestionable".

    Neste sentido, enmarcou esta publicación "nunha débeda moi forte" que o Ramón Piñeiro ten co poeta 'chairego', que na súa vida exemplificou un "respecto" e "admiración" por algunhas das iniciativas desta entidade nun momento no que "non era ben percibida" por algúns sectores "da esquerda nacionalista".

    "Unha persoa extraordinaria e descomunal no sentido máis amplo destas palabras", insistiu, para engadir a "iniciativa" como outro dos piares que conforman a personalidade deste autor, sempre consciente de que "perder o idioma" significaría "perder a identidade".

    Finalmente, tras o agradecemento trasladado pola súa compañeira e viúva, Saleta Goi, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou a importancia de recordar a esta "figura de referencia da Galicia contemporánea". Rodríguez valorou "o traballo coordinado" coa Fundación Manuel María para organizar todo un ano de iniciativas e actos en recordo ao poeta chairego.

    06 oct 2016 / 21:58
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito