Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ palabras e parole }

Equivalencias léxicas

    IMOS insistir sobre as complexidade das equivalencias nos dicionarios bilingües, precisamente porque é un problema importante co que se atopa un lexicógrafo. Xa temos falado das chamadas palabras culturais, do léxico especializado, e da tradución entre dúas linguas afíns como son o galego e o italiano, porque se sempre é difícil traducir dunha lingua a outra, as dificultades aumentan cando se trata de dúas linguas semellantes, no noso caso pola falsa crenza de que o italiano é unha lingua moi doada.
    Coñecendo a complexidade con que nos atopamos, hai que intentar dalgún xeito atopar unha solución, sempre, naturalmente, segundo o noso criterio. Tentaremos de facelo con algúns exemplos centrándonos neste momento, como xa dixemos, no dicionario bilingüe italiano-galego, galego-italiano.
    Cal é o camiño correcto cando non temos, porque non hai, un equivalente? Non nos queda máis remedio que acudir ás explicacións, co agravante de que as editoriais non nos permiten estendernos moito nas definicións polo que, xa que logo, temos que intentar unha definición clara e ao mesmo tempo concisa. En honor a verdade hai que dicir que hoxe en día grazas aos formatos electrónicos, as restricións van desaparecendo.
    Cal é o equivalente italiano de “churro” ou de “empanada”? E como se traduce ao galego voces como “panettone”? Temos a opción de dicir ‘especie de...’ porque desa maneira xa indicamos que é semellante, que ten aparencia de, pero que non é igual, e por iso na maioría dos casos quen non coñece o significado da palabra, queda sen sabelo, porque respectivamente “fritella tipica della cucina spagnola” e “panzerotto ripieno cotto al forno” ou “doce navideño típico de Milán” dinnos ben pouco.
    Se queremos traducir ao italiano a nosa “bica” non temos máis remedio, ao noso entender, e dado que non existe un equivalente exacto, que dar unha explicación como a seguinte: “torta di farina, uova, zucchero e burro”. E o mesmo se queremos traducir ao galego o termo italiano “sanguinaccio” que é un tipo de morcilla, teriamos que dar unha explicación como a seguinte “doce feito con sangue, chocolate, e pasas”. Trátase, en todo caso, de proporcionar a información necesaria para comprender o significado da palabra.
    Pensemos, por exemplo, nas verbas “taleggio” (un tipo de queixo curado, cunha conservación moi particular para que adquira as condicións óptimas), ou “provolone” que é un queixo moi coñecido do Vale da Padana ou “tomino”, queixo de cabra típico do Piamonte. Parécenos que é unha boa solución traducir como “queixo taleggio”, “queixo provolone”, “queixo tomino”, mesturando a palabra coñecida porque o seu significado está incluído no doutras co término intraducible.
    Seguiremos poñendo outros exemplos que poden ter certo interese e que reafirman o que xa subliñamos en infinidade de ocasións: a enganosa facilidade do italiano.
    Catedrática Filoloxía Italiana USC

    03 jun 2017 / 21:31
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito