Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
arte sonora

Escoitar.org reflexiona sobre o control social a través do son

O colectivo instalará un mecanismo, usado contra o 'botellón', que emite unha frecuencia que só oen os mozos ·· O seminario celebrarase entre o 5 e o 10 de outubro

    O colectivo escoitar.org proba na Coruña un "mosquito" -un mecanismo que emite unha frecuencia de son que só perciben os menores de 30 anos empregado en Gran Bretaña para evitar os botellóns- co fin de "abrir un debate sobre a fenda existente entre adolescentes e adultos". Trátase dunha das accións que porán en marcha do 5 ao 10 de outubro nun seminario no que Chiu Longina e Juan Gil-López se achegarán aos usos do son como arma e mecanismo de control social, dentro das actividades do Outonarte que se celebra na cidade herculina.

    "Decatámonos de que o problema -explica o antropólogo e coordinador de escoitar.org, Chiu Longina- é que o Goberno lexisla só a presión acústica, é dicir, a cantidade de decibelios, pero nós queremos que tamén se lexisle a cualidade sonora, que tamén nos afecta aínda que o son estea por debaixo dos decibelios que marca a normativa".

    Para iso, o obradoiro, que se celebrará na praza de María Pita a partir das 16.30 horas, estudará un dispositivo sonoro que está precisamente deseñado para causar dano ou disuadir.

    Para iso, probarán na Coruña os efectos do chamado "mosquito" -do que en Gran Bretaña están instalados 6.000 dispositivos- que produce un son intermitente de alta frecuencia -só audible para os menores de 30 anos- que produce unha irritación aguda no oído. "Para nós é unha arma acústica porque o seu ton agudo provoca unha presión constante na base occipital do cerebro e non se saben cales serán os seus efectos a longo prazo", denuncia Longina.

    Con todo, non queren desvelar onde instalarán o dispositivo -"para que non o rompan"- , só indican que será unha zona da cidade na que se celebran botellóns durante unha semana. O 16 de outubro, o colectivo celebrará unha mesa redonda para coñecer cal foi a reacción do concello, os adultos e os adolescentes sobre o debate que formulan.Outra das partes do seminario será o que chaman unha "audio-acción": un paseo sonoro de media hora polas rúas da Coruña levando un Macrófono, un micrófono inchable de 7 metros de longo.

    26 sep 2009 / 00:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito