Escolas Católicas rendeulle homenaxe ao relixioso, mestre e lexicógrafo Elixio Rivas
NORMALIZACIÓN Escolas Católicas rendeulle unha emotiva homenaxe esta semana ao relixioso Elixio Rivas, mestre, escritor, lexicógrafo, experto en onomástica e toponimia. O acto tivo lugar no Consello da Cultura Galega no marco da Xornada de Normalización Lingüística da federación, aberta a centros públicos, privados e concertados.
O encontro, inaugurado por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura, e Juana Otero, secretaria autonómica, tivo como acto central a homenaxe a Elixio Rivas dirixida por Vicente Feijooo, responsable de toponimia no Servizo de Onomástica da Real Academia Galega.
Tamén se abordou a figura de Antón Fraguas con Clodio González Pérez, dinámicas para fomentar o galego nas bibliotecas, con Cristina Novoa -asesora técnica docente das bibliotecas escolares-, de cómo fomentar a oratoria nas aulas con Iván Olmos, gañador do Campionato Universitario Mundial de oratoria e descubriron unhas cantas experiencias ao redor da dinamización da lingua dos centros de Escolas Católicas das catro provincias galegas.