Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ notas de actualidade }

Espazo de Lectura

    ESPAZO de Lectura é un proxecto de fomento da lectura con máis de cen actividades ao ano nas que levan participado máis de cento trinta autores, tradutores, ilustradores, narradores orais, músicos e compañías de teatro. Un proxecto global arredor do libro para todas as idades que fai visible a lectura en lingua galega e axuda a construír unha sociedade que faga dos libros un importante espazo de lecer e de medrar en todas as dimensións. Está ao cargo da asociación sen ánimo de lucro que leva o mesmo nome, creada no concello de Gondomar en 2008. Ambicioso e realista, naceu dun grupo de xente próxima ao ensino e foi abríndose á cidadanía co obxectivo de achegar os valores do libro ás persoas en proceso de desenvolvemento –alumnado dos centros e crianzas pequerrechas–, ás familias como educadoras e á sociedade en xeral. O mérito non é só a aparición como proxecto comprensivo, senón que medre ano a ano, teña instalacións propias nas que se leva a cabo a maioría do seu traballo e que aspire a incrementar o espazo para dar novas acollidas. Na actualidade xestiona un programa periódico de actividades que chegan a toda clase de público, lector directa ou indirectamente.

    Cada semana, na Biblioteca Municipal todos os luns, as nenas e nenos de máis tres anos e as súas familias teñen unha sesión de contacontos chamada Contomar. Na Casa da Lectura, que foi escola pública en Donas, fan para o mesmo público unha sesión de dinamización lectora. Mensualmente, celebran xuntanzas de tres clubes diferentes de lectura: Lendo contigo, para nenos e nenas de 7 a 11 anos e as súas familias; Sete vidas, de narrativa para adultos, e Lecturas debuxadas, de banda deseñada tamén para adultos. Contos en cueiros para bebés ata 3 anos e as súas familias e Comando le para rapazas e rapaces de 12 a 15. Anualmente desenvolven actividades conmemorativas e especiais: Dar de ler coma quen dá de beber, o Día do Libro (23 de abril, A Fogueira dos versos, a noite de San Xoán (23 de xuño), Noite na biblioteca, Noites golfas na Casa da Lectura. Ademais, accións lectoras en diversos espazos públicos, e obradoiros, recitais, bookcrossing, publicacións, etc. O libro é xa en Gondomar un elemento socializador indispensable para elevar o nivel educativo, a cociencia crítica e a calidade de ocio das persoas. Oxalá fundise este exemplo en máis concellos.

    Escritora

    02 abr 2015 / 21:02
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito