Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
garcía barros

A Estrada renova con Monteagudo o seu papel na crónica literaria galega

O autor da veciña Moraña recolleu o premio de novela por 'Un tipo listo', a historia dun desfalco ·· Súmase a lista dos vinteún éxitosos títulos nados ao abeiro do certame estradense e publicados por Galaxia

A Estrada recuperaba onte a súa capitalidade literaria cunha nova entrega do premio Manuel García Barros de novela. Xosé Monteagudo Folgar, recollía na terra de Ken Keirades o galardón, dotado con 9.000 euros e a publicación da obra en Galaxia, pola súa novela Un tipo listo. Ambientada no Vigo dos anos oitenta, a obra, que tamén chegaba onte ás mans dos que se achegaron ata o teatro Principal da Estrada, narra con maestría, as correrías do director dun banco que comete un dos delitos máis de actualidade hoxe en día.

Monteagudo, natural do concello veciño de Moraña e autor tamén da innovadora As voces da noticia, coa que hai sete anos gañou o Blanco Amor, revelou ante o auditorio algunhas das claves dunha obra que promete enganchar ao lector e que responde a ese entusiasmo coa que autor confesou mergullarse embargado pola creación imaxinaria. Un tipo listo, que agora se enfronta ao "inapelable veredicto" dos lectores, é o resultado de tres anos de traballo durante os que Monteagudo se preguntaba polas causas que levaron a un reputado director dun banco a traspasar a liña da honradez, cando un día leu unha nova nun xornal. "As historias nas que non se adiviña o que pasará na páxina seguinte seguen sendo as que máis me atraen", dixo o gañador do certame que cumple vinteún anos. No acto, no que actuou a Coral Polifónica de Berres, a terra natal de García Barros, o director de Galaxia, Victor Freixanes destacaba a importancia da convocatoria. "O Blanco Amor, o Xerais e o García Barros son os tres caudais que construen a novela galega contemporánea", dixo antes de repasar nomes como os de Bieito Iglesias, Xerardo Agrafoxo, Caneiro, Riveiro Coello, ou Xesús Costenla entre outros aos que agora se suma o de Monteagudo.

O alcalde da Estrada, José Antonio Dono, entregoulle o galardón ao novo gañador, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, Freixanes, e o deputado provincial José Balseiros, en nome das entidades que dende hai máis de dúas décadas participan na convocatoria que é xa todo un referente.

. delegestrada@elcorreogallego.es

12 dic 2009 / 00:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito