Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ enfiando }

Eu son revolucionario, son da aldea!

    O leite como bandeira escorregando polo outonizo dos prados. O leite como imaxe dun país que se desangra. O leite cara ós regatos e o mar, os fillos cara á emigración. Levantamos esta bandeira branca pero non nos rendemos. Queremos a paz pero non claudicamos. Os prezos por debaixo do custo de produción, a non recollida cando lles peta ás industrias; a imposibilidade de facer rendíbeis moitas granxas; as terras a ermo que só serven para a industria antiincendios... Nada é casualidade!

    É o froito serodio da Política Agraria Común da UE, do fracaso de non ter unha potente industria cooperativa e de desenvolver o sector secundario ligado ao lácteo e gandeiro; da distribución en mans estranxeiras; do achegamento da produción ás grandes cidades para abaratar custos de distribución (a produción aumenta en España, diminúe en Galiza); da ausencia dunhas leis que garantan que os produtores non estean en mans das industrias e distribuidores; da carencia dunha política agraria e de defensa dos nosos intereses por parte do Goberno central e da Xunta; do desmantelamento do Banco de Terras; da amigallada do PP na posta en marcha de industrias cooperativas (Alimentos Lácteos); da idea de que o agro non é "moderno nin importante", concepto ligado ao autonoxo e á colonización cultural...

    Non só están en perigo 10.000 explotacións gandeiras. Non só poden desaparecer 26.000 postos de traballo directos e outros 45.000 indirectos. Non só murchan ante a seca dos ingresos a maioría das vilas do interior que viven preferentemente do sector lácteo.

    Estamos a falar de moito máis ca iso. Estamos emitindo un S.O.S. ante a destrución dun País, dunha cultura. Como di Julio Llamazares, "pérdese o orgullo, a ilusión, a dignidade, a paisaxe e bórrase a memoria".

    Arráncanlle ao País á xente. Arráncanlle á xente o seu futuro. Arráncanlle o futuro á Terra. Arráncanlle á Terra a vida.

    Cada vez quedamos menos xente pero hai máis vacas. Cada vez quedan máis lugares desertos, pero hai máis multinacionais na procura de terras. Cada vez gástase máis en apagar o lume pero hai máis incendios. Cada vez emigran máis vellos, agora cara ás cidades ou cara ás residencias da terceira idade porque hai moitos lugares convertidos en Macondos de viúvas remoendo lembranzas, aterecendo co medo nas noites longas de invernía e agardando ás chamadas diarias dos fillos e a morte que lles tarda en chegar para reunirse coa parroquia dos defuntos, a máis poboada de todas, e vencer así a súa artrose e a súa soidade que as entangarañara.

    Como dixo Gustavo Duch: ‘‘Hoxe, o máis revolucionario é ser da aldea".

    Xornalista

    10 jul 2015 / 21:41
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito