Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

¡Para Europa!

    NUN dos nosos libros fundamentais, Follas novas, Rosalía ocúpase con largueza da emigración, tema recorrente na súa poesía. A autora coñece ben o feito por dúas vías: a experiencia de acompañar o seu home, Manuel Murguía, en terras de Castilla, que vive como un auténtico drama de emigrante, e a empatía que establece co pobo sufridor, fundamentalmente coas mulleres e a infancia que queda exclusivamente nas súas mans, empobrecidas e desamparadas, cando os homes marchan para A Habana. Por desgraza para a humanidade, o pentapoema que inicia o quinto apartado deste libro de libros, As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos, escrito no século XIX para o caso concreto dun país pobre no noroeste da península Ibérica, é válido no século XXI para moitas latitudes, porque describe de xeito maxistral cal é situación dos millóns de persoas que migran no mundo. Parece pensado ante a dor dos subsaharianos que afogan no seu tránsito a Europa e incluso da nosa xente nova, a xeración mellor formada das que tiveron que se transterrar buscando o futuro, cando Galicia máis precisa da súa formación desenvolverse e medrar.

    Rosalía narra, coa brillantez poética que lle é característica, o proceso dramático de "marchar". I. As causas que obrigan as persoas a emigrar e como deciden facelo porque non lles queda outra solución. II. A desolación que produce o feito de partir cara a un destino incerto despois de tomar a decisión. III. A despedida, o tránsito no barco e o anticipo da súa perda real ou figurada, e a tristeza dos seus seres queridos, que previsiblemente non os volverán ver. IV. Os ánimos que se dan para emprenderen esa viaxe, alimentando a esperanza de retornar un día e atopar todo mellorado (na orde dos acontecementos este debera ser o número tres, pero Rosalía non organizou con precisión este libro, nin sequera nos seus cinco grandes apartados). V. A situación de menesterosidade en que queda un país sen xente moza, sen recursos e coas familias destrozadas. Pola fame e a guerra, milleiros de persoas procuran Europa nun río imparable. Intentan atravesar o Mediterráneo na procura do norte opulento. A decisión de Italia, acordada no 2014 coa Unión Europea, de acabar coa operación Mare Nostrum multiplicou por dez o aumento da non temida morte no que vai de 2015. "... ide a ver que foi deles.../ ¡No eterno olvido para sempre dormen!".

    Escritora

    30 abr 2015 / 21:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito