Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ enlazarte }

Exercitando a Empatía

    O pasado luns lía un artigo sobre o autismo en El País. O artigo, "Tengo 34 años y hace tres me diagnosticaron autismo", conta en primeira persoa os retos diarios dunha persoa que despois de media vida é diagnosticada cun trastorno do espectro autista (TEA) e como ese diagnóstico xéralle paz e tamén preguntas con respecto á educación, á sociedade, á vida e ao descoñecemento que existe sobre os TEA.

    O artigo foi revelador; coñezo o autismo de cerca, e o coñezo a través dun ser querido que hoxe ten 44 anos. Fun testemuña do complicado da súa educación, da constante incomprensión e da falta de empatía e de paciencia ao seu redor; do seu diagnóstico tardío, froito dunha longa relación e des-relación con médicos de diferentes disciplinas. Tamén son testemuña da súa incríble, e adictiva, relación coa música. Este ser querido non é músico, pero consume máis música a diario que moitos de nós, músicos, ao longo da semana. A música faina sentir segura, apórtalle un espazo de illamento onde ela pode funcionar de xeito productivo.

    Como tardaron tantos anos en darnos un diagnóstico é algo que eu tampouco entendo, pero a verdade é que a nós tamén nos aportou paz o feito de que agora, cun nome na man, e moito que aprender, podiamos intentar poñernos no seu lugar.

    O cellista Yo-Yo Ma afirma que "a música ten a capacidade de ser infinitamente empática á condición humana"; as inexpresables emocións que transmite a música as veces están ligadas á nosa memoria, á nosa experiencia vital, ao noso día a día, pero a música tamén ten a capacidade de colocarnos na mente do creador, na experiencia, na memoria, nos sentimentos e nas emocións do compositor ou o intérprete. Fainos sentir as súas emocións a través das nosas, e iso, para alguén que aílla as súas, é unha ferramenta para sobrevivir. A música axúdanos a poñernos no lugar do outro, ergo desenvolve a nosa empatía. E o autismo é tamén un trastorno da empatía, e quizais por iso a música e a danza son dúas das disciplinas máis utilizadas en terapias e actividades con cativos con TEA. Pero a empatía é algo que todos temos que exercitar, cos anos máis, e nos tempos que corren todavía máis. Os que somos capaces de sentir emocións profundas e de expresalas temos que ser capaces de poñernos no lugar do outro, e para eso fai falla saber que é o que pasa no seu mundo. O autismo é un exemplo, canto máis saibamos dese trastorno, máis normal será a súa vida e a nosa.

    E nese exercicio de traballar a empatía, hoxe, emociónome profundamente ao escoitar, sen verbas, como se sinte un amigo sirio fóra de Siria… a través da peza do clarinetista sirio Kinan Azmeh "A Sad Morning, Every Morning".

    Gaiteira e pianista

    29 nov 2015 / 21:25
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito