Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Éxito do Encontro Monte Pindo, con espectacular carreira de 'trail' pola montaña e subida á Moa

A localidade carnotá do Pindo e os actos festivos do IV Encontro Monte Pindo, que organiza a Asociación Pedramar, serviron de marco este sábado para a celebración dunha proba durísima de 'trail running' (carreira por montañas, bosques ou terreos moi dificultosos) na que 173 corredores se 'tragaron' 20 quilómetros dun trazado rompepernas, moi técnico, nas fermosas montañas de pedra que parapetan o mar deste lugar da Costa da Morte. Foi a sexta proba puntuable para o circuíto Galicia Máxica Trail Adventure (GMTA) de 2012.

Os organizadores levan estas probas, só ao alcance de atletas moi preparados, a lugares de Galicia considerados máxicos ou, cando menos, emblemáticos da xeografía do noso país, e entre os puntos escollidos figuran, por exemplo O Courel, Arenteiro ou a Serra do Galiñeiro. A esixencia dos retos asusta: no Courel, por citar un, a carreira ten un percorrido de máis de 80 quilómetros, algo alcanzable para moi poucos e que o primeiro corredor que entra en meta cobre en arredor de nove horas.

A saída da proba do Pindo tivo lugar ás 17:30 horas na praza da Solaina. Como diaciamos antes, participaron 173 atletas procedentes de Galicia e de diversos lugares de España, mesmo de Canarias, ou Portugal, que se enfrontaron a 20 quilómetros cun perfil de 1.200 metros positivos e outros tantos negativos. Proba para xente moi preparada nun lugar fermoso como poucos.

O gañador absoluto foi Roberto Riobóo Estévex, de Pontevedra, que completou o esixente percorrido en dúas horas e dez minutos. A primeira muller en chegar á meta, tamén na praza da Solaina do Pindo, foi Priscila Suárez Méndez, da Asociación de Bombeiros da Coruña, cun crono de tres horas e tres minutos. Os últimos en entrar no control de chegada fixérono ás 23:00 horas, co que completaron a rota en algo máis de cinco horas.

SUBIDA Á MOA

Previamente á proba, pola mañá, un numeroso grupo de persoas iniciaron a subida ó teito dos montes do Pindo, A Moa, completando nesta ocasión un traxecto novidoso en relación a anteriores edicións. Organizada pola Asociación Pedramar, do Pindo, a excursión recuperou un vello camiño, o das peixeiras, chamado así porque foi utilizado hai moitos anos polas mulleres que levaban peixe a outras localidades do interior.

Os participantes nesta subida, procedentes do propio lugar pero tamén doutros de Galicia, quedaron moi contentos malia que a chuvia desluciu un pouco a xornada. Xa pola noite, unha sardiñada e unha queimada acompañaron a animada verbena.

15 jul 2012 / 02:30
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito