Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 17 octubre 2021
02:04
h

Expertos analizarán como impulsar arquitecturas saudables para a infancia

A Cidade da Cultura acollerá o venres e sábado un encontro internacional no que nove relatores abordarán estes retos

Co obxectivo de explorar as posibilidades de acadar arquitecturas saudables para a infancia en espazos públicos como as escolas, as súas contornas e mesmo nas cidades, a Xunta de Galicia impulsa unha xuntanza na Cidade da Cultura con expertos internacionais.

Será este venres e sábado no V Playgrounds. Encontro Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Xuventude, no que 170 profesionais e estudantes desta disciplina e de Educación Infantil e Primaria afondarán nestas cuestións, a través da súa participación en nove charlas e en vinte obradoiros prácticos, para as que xa se cubriron todas as prazas dispoñibles.

Organizado por Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e a Asociación Ludantia, conta coa colaboración da Cidade da Cultura, xa que está vencellado á exposición Argallar, que leva preto de dez mil visitas desde a súa inauguración o pasado 13 de setembro.

Esta mostra do Museo Centro Gaiás para xogar coa arquitectura está dirixida a familias, cativada e alumnado de centros escolares, e nela están implicadas estas dúas entidades.

O V Encontro Playgrounds está dirixido a docentes de Educación Infantil e Primaria, e a estudantes e profesionais da educación na arquitectura.

Neste foro abordarase -desde o ámbito teórico e desde talleres con casos prácticos- catro grandes áreas arte, espazo público e participación; transformación de espazos; xoguetes e dispositivos lúdicos, e arquitectura na educación.

Entre os relatores que participarán atópase Heike Freire, docente e asesora especializada na chamada pedagoxía verde, na que se incide na importancia de espazos en contacto coa natureza nas aulas, nas cidades e nos espazos públicos.

Nas conferencias se poderá coñecer os proxectos de construción de escolas de Antonio Capelao en Londres e no Nepal. Este arquitecto nado en Portugal, pero que desenvolve a súa actividade laboral no Reino Unido, está especializado en edificacións sustentables e respectuosas co medio ambiente.

Os participantes contarán nestes días con vinte obradoiros -dez por xornada- onde levarán a cabo casos prácticos da man de profesionais especializados en arquitectura na educación. O obxecto é situalos ante hipotéticas situacións reais para que se enfronten a elas e as resolvan.

Entre elas, amoblar unha aula para acadar un espazo de benestar e que estimule a aprendizaxe; estratexias para a introdución do pensamento arquitectónico na clase e como parte do currículo, ou mellorar o patio dun centro desde unha participación comunitaria.

29 oct 2019 / 20:45
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito