Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Expertos debatirán sobre o monte e o seu aproveitamento

Organizadas na UVigo hoxe e mañá, as xornadas analizarán propostas alternativas á da madeira

Co obxectivo de buscar alternativas á tradicional explotación da madeira e previr os incendios, a Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo acolle hoxe e mañá as xornadas A outra cara do monte. Aproveitamentos alternativos.

Organizadas polo Laboratorio de Micoloxía que dirixe Marisa Castro, en colaboración coa spin off MycoGalicia Plantae, pretenden ser un punto de encontro entre os cidadáns, investigadores e estudantes e os propietarios e membros das mancomunidades; de forma que estes expoñan os seus problemas e solucións que a universidade lles podería ofrecer.

Unhas xornadas cunha grande resposta, segundo Marisa Castro, que engadiu que aínda que o prazo de inscrición xa rematou, as conferencias están abertas ao público en xeral.

A inauguración terá lugar esta mañá, ás 09.45 horas, no salón de actos da Facultade de Bioloxía, nun acto coa presenza da vicerreitora de investigación da UVigo, Belén Rubio; o vicedecano da Facultade de Bioloxía, Jesús Míguez Miramontes, e a directora do Laboratorio de Micoloxía.

Juan Picos Martín, director da Escola de Enxeñaría Forestal falará sobre A situación actual do monte galego e do sector forestal.

Damián Copena, do grupo de investigación en Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, centrarase en As posibilidades e aproveitamentos multifuncionais e a potenciación da economía ecolóxica ao monte galego, impacto no rural. Desde Medio Ambiente de Allariz e desde Teis amosarán experiencias de xestión forestal.

E intervirán Iria Villar, de Ecoloxía e Bioloxía Animal; membros da cooperativa Amarelante; Uxío Pérez, da mancomunidade de montes de Vigo, e pechará a xornada unha mesa redonda cos palestrantes, moderada por Marisa Castro.

Mañá haberá unha saída a un monte comunal, e xa pola tarde participará Serafín González, da Sociedade Galega de Historia Natural, e organizarase un workshop sobre aproveitamentos alternativos do monte.

17 sep 2019 / 21:34
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito